Unanimidade para reclamar ao Estado que axilice a recuperación da Casa Barroca: “debe ser patrimonio de toda a veciñanza de Poio e de Combarro, de xeito particular”. Inician a actualización da RPT para conseguir unha administración municipal máis áxil e eficiente. Os festivos locais de 2027 serán San Xoán e a Mercé.
O Pleno ordinario de xullo do Concello de Poio aprobou este martes as contías definitivas que se aboarán nas anualidades de 2026 e 2027 para rehabilitar e acondicionar a antiga gardería de Campelo e transformala no futuro Centro de Maiores, un proxecto que se atopa actualmente en fase de licitación.
Segundo explicou o alcalde, Ángel Moldes, o Concello contará co financiamento da Deputación de Pontevedra e da Xunta de Galicia para executar unha actuación que supera o millón de euros. O investimento distribuirase en dúas anualidades: o 46,10 % aboarase este mesmo ano e o importe restante en 2027.
A corporación aprobou por unanimidade instar ao Ministerio de Cultura a acelerar a revisión e análise de toda a documentación histórica presentada pola Asociación A Solaina e do testemuño certificado da familia propietaria orixinal, documentación que acredita que o Estado é titular da Casa Barroca. Moldes recoñeceu o importante labor de investigación desenvolvido pola asociación e subliñou que debe ser prioritario protexer e garantir que este inmoble pase a formar parte do patrimonio da veciñanza de Poio e, en particular, de Combarro.
O Pleno tamén deu luz verde á modificación inicial da Relación de Postos de Traballo (RPT), unha actualización que, segundo explicou o alcalde, responde a criterios organizativos co obxectivo de facer a administración municipal máis áxil e eficiente. A proposta é froito da escoita activa dos distintos departamentos municipais e busca dar resposta ás necesidades detectadas polos propios técnicos e profesionais, ademais de anticiparse ás próximas xubilacións previstas.
Entre as principais novidades inclúense a creación dunha praza de arquitecto técnico para reforzar a área de Urbanismo, dun posto de técnico de xestión para as áreas de Cultura e Deportes e a reorganización das funcións no departamento da Policía Local dividindo tarefas entre a Xefatura e a Inspección, co fin de mellorar a operatividade do servizo e evitar situacións de bloqueo por exceso de carga de traballo.
A modificación tamén actualiza varios postos para adaptalos ás funcións que realmente desempeñan determinados empregados municipais, revisando a súa denominación e o contido das tarefas co obxectivo de optimizar a organización interna e reforzar a transparencia na xestión dos recursos humanos.
Moldes destacou que a proposta foi previamente analizada e respaldada por representantes dos tres sindicatos con presenza no Concello (CIG, CCOO e CSIF) e asegurou que “somos un goberno que escoita, que toma decisións e que resolve”.
Tras a súa aprobación inicial, a modificación da RPT someterase agora ao correspondente período de información pública para que as persoas interesadas poidan presentar alegacións.
Na sesión tamén se aprobaron os festivos locais para o ano 2027, que, como é tradición, serán o 24 de xuño, San Xoán, e o 24 de setembro, festividade de Nosa Señora da Mercé.
Por último, o Pleno aprobou igualmente por unanimidade a revisión anual dos prezos do contrato do servizo de prerrecollida, recollida e transporte dos residuos sólidos urbanos (RSU), unha actualización prevista nas condicións do contrato coa empresa adxudicataria.