Combarro acollerá o 26 de xullo a V edición da Volta a Nado Illa de Tambo-Concello de Poio con máis de 250 participantes

16/07/2026

A competición congregará a participantes de doce comunidades autónomas, ademais de Brasil, Suiza e Portugal.

O Concello de Poio acolleu este martes a presentación da V edición da Volta a Nado Illa de Tambo-Concello de Poio, unha cita deportiva xa consolidada no calendario estival galego que se celebrará o vindeiro domingo, 26 de xullo, en Combarro.

A proba, organizada polo Concello de Poio e Atlantic Extreme Sports, prevé reunir a máis de 250 nadadores e nadadoras procedentes de doce comunidades autónomas, ademais de participantes de Portugal, Brasil e Suíza. As inscricións permanecerán abertas ata o 21 de xullo.

No acto de presentación participaron o alcalde de Poio, Ángel Moldes; o concelleiro de Deportes, Cándido Muiños; o delegado territorial da Xunta de Galicia en Pontevedra, Pablo Fernández López; o xefe da Área Provincial de Turismo, Felipe Ferrero; a directora de Ence en Pontevedra, Esther Couceiro; a directora de Abanca en Combarro, Ana Ansín Díaz, e a directora de Atlantic Extreme Sports, Beatriz Alvariño Díaz del Río.

A competición contará con tres percorridos de 1, 4,5 e 6 quilómetros, con saída e chegada na Praza da Chousa de Combarro. O obxectivo desta travesía é seguir consolidándose como unha das probas de natación en augas abertas de referencia en Galicia, ao tempo que pon en valor a riqueza natural, patrimonial e histórica da illa de Tambo e da ría de Pontevedra.

A organización disporá dun amplo dispositivo de seguridade, integrado por 17 embarcacións e 30 kaiaks e táboas de paddle surf, ademais da colaboración de Protección Civil de Poio e Marín, a Escola Naval Militar, Garda Civil do Mar e numerosas entidades e clubs deportivos da contorna.

Na distancia de 1 quilómetro poderán participar nadadores e nadadoras a partir dos 12 anos, mentres que nas probas de 4,5 e 6 quilómetros o uso do neopreno será opcional. Todos os percorridos estarán balizados e cronometrados mediante chip electrónico.

A Volta a Nado repartirá un total de 40 premios e 36 medallas entre as distintas categorías, ademais de recoñecementos especiais para o participante máis novo, o máis veterano e os primeiros clasificados censados no municipio de Poio. Ao remate das probas, as persoas participantes disporán de servizo de avituallamento, masaxes e dun aperitivo de confraternidade.

A V edición da Volta a Nado Illa de Tambo-Concello de Poio conta coa colaboración da Deputación de Pontevedra, Xunta de Galicia, Ence Pontevedra, Abanca e outras entidades colaboradoras, que contribúen a facer posible unha proba deportiva que ano tras ano reforza a proxección de Poio como destino de turismo deportivo e sostible.

OUTRAS NOTICIAS

Scroll al inicio