O Concello mellorará a seguridade e a mobilidade co asfaltado da Rúa do Adro, en San Salvador

06/07/2026

A actuación forma parte do plan provincial VíaDepo e inclúe tamén melloras noutras seis vías do municipio, cun investimento global próximo aos 120.000 euros.

O Concello de Poio continúa avanzando no seu plan de conservación e mellora da rede viaria municipal coa próxima execución das obras de asfaltado da Rúa do Adro, na parroquia de San Salvador. A actuación permitirá renovar o firme dunha vía que presenta un importante desgaste, incrementando a seguridade viaria e mellorando as condicións de circulación para vehículos e peóns.

Os traballos consistirán na rehabilitación do firme mediante a renovación da capa de rodadura, coa extensión dunha capa de cinco centímetros de mestura bituminosa en quente. A actuación levarase en toda a rúa, de ancho variable, nos que o pavimento sufriu un progresivo deterioro debido ao paso do tráfico e á acción da auga.

Esta situación agravouse durante o pasado inverno, marcado por episodios de choivas intensas e persistentes que aceleraron o desgaste do firme e fixeron necesaria unha intervención para recuperar unhas condicións óptimas de seguridade e confort na circulación.

O concelleiro de Obras e Servizos, Marcial García, destaca que «estas actuacións son un bo exemplo da forma de traballar deste Goberno: atender tanto os grandes proxectos que impulsan a transformación de Poio como as intervencións de proximidade que melloran o día a día da veciñanza. Un firme en bo estado significa máis seguridade, máis comodidade e un mellor servizo público, polo que seguimos apostando por manter en boas condicións a rede de estradas municipais».

García explica que o Concello xa dispón do financiamento necesario para executar esta actuación, que forma parte do plan provincial VíaDepo da Deputación de Pontevedra. Ademais da Rúa do Adro, o programa permitirá actuar tamén na Rúa Viñas, no Camiño da Bouza, no Camiño da Ribeira, no Camiño da Fábrica, en dous ramais do Pereiro e no Río Lérez.

O investimento global previsto para o conxunto destas actuacións achégase aos 120.000 euros e enmárcase na estratexia do Goberno municipal para seguir mellorando as infraestruturas viarias de Poio, garantindo desprazamentos máis seguros, cómodos e eficientes en todas as parroquias do municipio.

OUTRAS NOTICIAS

Scroll al inicio