Ángel Moldes destaca o TapeaPoio e o sector hostaleiro como motor económico e símbolo de orgullo para Poio

08/06/2026

Recoñecemento a Amelia González: «Desde o mesmo momento en que se anunciou o nome da homenaxeada, foron moitas as persoas que se achegaron para expresar o seu cariño, unha demostración de ata que punto esta homenaxe é sentida e compartida por toda a veciñanza”.

O Concello de Poio celebrou hoxe a III Gala da Hostalaría, unha cita que reuniu no Pazo de Colón a representantes do sector nunha festa para recoñecer e poñer en valor o talento local e reivindicar o papel turístico e gastronómico do municipio.

Durante o evento entregáronse os galardóns do público e o xurado aos establecementos gañadores da terceira edición de TapeaPoio, así como máis de sesenta premios sorteados entre as persoas que degustaron e valoraron as distintas tapas, cun total de preto de 10.000 euros en premios a clientes e restauradores, aportados por empresas e colectivos do municipio. Ademais, o Concello de Poio aproveitou a Gala da Hostalaría para outorgar o I Delantal de Honra a Amelia González, cofundadora de Casa Solla e figura pioneira da gastronomía de Poio e de Galicia.

«Era de xustiza recoñecer a traxectoria de Amelia González, unha muller pioneira e referente da gastronomía galega que, desde a discreción e o traballo constante, contribuíu de maneira decisiva a construír unha historia de éxito da que hoxe Poio se sente profundamente orgulloso”, destacou o alcalde, Ángel Moldes durante a súa intervención.

Moldes recoñeceu que o obxectivo desta homenaxe era expresar gratitude e admiración, “obxectivos xa se están cumprindo desde o mesmo momento en que se anunciou o nome da homenaxeada, xa que foron moitas as persoas que se achegaron para expresar o seu cariño, o seu respecto e a súa admiración. Nas rúas, nas conversas entre veciños e veciñas, escoitamos palabras de afecto e recoñecemento que demostran ata que punto esta homenaxe é sentida e compartida por toda a veciñanza”.

Durante a súa intervención, o alcalde puxo en valoración unha edición que consolida o TapeaPoio “como unha das grandes citas gastronómicas do noso concello. O incremento do 30% no consumo de tapas demostra a excelente resposta do público e o enorme traballo que realiza o sector hostaleiro de Poio para ofrecer propostas de máxima calidade».

O acto contou coa presenza do delegado da Xunta en Pontevedra, Pablo Fernández, da directora de Turismo da Deputación de Pontevedra, Romina Fernández, da concelleira de Turismo, Rocío Cochón, e outros membros da corporación municipal, así como representantes das empresas e entidades colaboradoras e os membros do Xurado Experto.

A Gala serviu para recoñecer o talento e o esforzo dos profesionais que participaron nesta terceira edición, así como a implicación dos milleiros de persoas que percorreron os establecementos adheridos ao certame, degustando preto de 7.000 tapas vendidas, un 30% máis que na edición anterior.

Moldes subliñou a importancia dun sector que é “unha das nosas mellores cartas de presentación. Xera emprego, dinamiza a economía local e proxecta a mellor imaxe de Poio. Desde o Concello seguiremos apoiando iniciativas que contribúan a que o noso municipio teña vida, actividade e oportunidades durante todo o ano».

PREMIOS DO XURADO TAPEAPOIO 2026

O Xurado Experto, formado polos chefs con Estrela Michelín Xosé Cannas (Restaurante Pepe Vieira) e Pepe Solla (Restaurante Casa Solla), a empresaria e consultora gastronómica Marga Pazos (Salmoira) e o influencer culinario e de viaxes Alberto Rivas (Alvientoo), outorgou os seguintes premios:

Mellor Tapa Tradicional: Casa Ces, con “O cordeiro é a pera”.

Mellor Tapa Creativa: Evoca, con “Robaliza na primavera”.

PREMIOS DO PÚBLICO TAPEAPOIO 2026

Os premios outorgados polo voto do Público, que valorou as tapas mediante códigos QR e papeletas físicas, corresponderon a:

  • Mellor Tapa Tradicional: Casa Ces, con “O cordeiro é a pera”. Segundo clasificado Bocoi con “Fabas con pulpo”.
  • Mellor Tapa Creativa: Casa Ces, con “Como un porquiño”. Segundo clasificado Lameiriña, con “Zamburiña gold”.

Ademais, entregáronse placas de recoñecemento pola participación no III certame TapeaPoio aos demais establecementos participantes.

PREMIOS PARA O PÚBLICO

Repartíronse tamén 60 premios para o público participante:

  • Menú degustación para dúas persoas no Restaurante Pepe Vieira
  • Menú degustación para dúas persoas no Restaurante Casa Solla
  • Tres cestas de produtos de alimentación Supermercado Froiz
  • Cinco vales de 100 euros da Asociación de Empresarios EnPoio
  • Cinco lotes de produtos gourmet de Conservas Pescamar
  • Dez pasaxes para dúas persoas Naviera Mar de Ons
  • Dez pasaxes para dúas persoas Cruceiros Pelegrín
  • Dous bonos de estancia para dúas persoas Hotel Villa Covelo
  • Dous menús gastronómicos para dúas persoas Restaurante LA Nueva Parada
  • Estancia para dúas persoas en Casa Rural Xeitosiña
  • Estancia para dúas persoas Ecogranxa Riomouro
  • Cea para dúas persoas Restaurante Alvariñas
  • Bono de estancia para dúas persoas en A Maquía
  • Bono de estancia para dúas persoas en Hotel Stella Maris
  • Estancia en aloxamento para dúas persoas en Hotel Combarro
  • Estancia para dúas persoas Casa Rural As Adegas
  • Estancia Familiar en Duerming O Casal da Martiña
  • Cea para dúas persoas Asador O Remo
  • Dous menús para dúas persoas en Chiringo Sinás
  • Actividade náutica en Club Náutico de Raxó
  • Vale de compra por 100 euros en Xardinería Aires da Terra
  • Vale de 50€ combustible en Área de Servizo Redarse
  • Estancia para dúas persoas en Albergue Ntra. Sra. Do Camiño
  • Dous lotes de viño da Hospedería Mosteiro de Poio
  • Rodicio para dúas persoas en Rodicio Porteliña
  • Catro prazas para ruta guiada interpretativa coa Axencia Volta Montana
  • Vale de compra de 50€ en Anara Joyas
  • Tratamento corporal para unha persoa en Body Therapy (CC A Barca)
  • Vale de 50€ en Área de Servizo Raxoil
  • Sesión de equitación para dúas persoas na Escola de Equitación O Marruxal

OUTRAS NOTICIAS

Scroll al inicio