Un panel de luxo, composto polos chefs Pepe Solla e Xosé Cannas, a divulgadora gastronómica Marga Pazos e o comunicador Alberto Ribas degustou e valorou as tapas presentadas a concurso, elaboradas e explicadas polos seus creadores, para outorgar os Premios do Xurado nas categorías Tradicional e Creativa.
O Pazo de Colón, en San Salvador, acolleu este luns a xornada de valoración do Xurado Experto de TapeaPoio 2026, na que preto dunha vintena de participantes no certame gastronómico compartiron fogóns para elaborar e presentar as súas creacións ante o xurado experto.
Desde primeira hora da mañá, os chefs Xosé Cannas, do restaurante Pepe Vieira, e Pepe Solla, de Casa Solla; a divulgadora gastronómica e socia fundadora de Salmoira, Marga Pazos; e o comunicador especializado en gastronomía e viaxes Alberto Ribas, responsable do blog Alvientooo, degustaron e valoraron as 28 tapas presentadas nesta edición, destacando o extraordinario nivel das propostas dun certame que “se supera cada ano”.
Ao longo da sesión, os responsables de cada local elaboraron e presentaron persoalmente as súas propostas, explicando ante o xurado os ingredientes empregados, os procesos de elaboración, a inspiración detrás de cada creación e os elementos diferenciais das súas tapas. Así, durante toda a mañá compartiron fogóns nunha xornada “única e inspiradora”, segundo recoñeceron.
O alcalde, Ángel Moldes, que asistiu ao acto xunto coa concelleira de Turismo, Rocío Cochón, destacou ao remate da xornada o excelente nivel amosado polos participantes. “O TapeaPoio volveu demostrar nesta edición que a gastronomía é un dos grandes sinais de identidade do noso concello. As tapas que percorreron estes días os distintos establecementos foron unha mostra da extraordinaria calidade e da sensibilidade co produto que existe en Poio, confirmando, unha vez máis, que somos un concello gastronómico de referencia. Ademais, non todo o mundo pode presumir de contar cun xurado do nivel do de TapeaPoio, con profesionais de primeiro nivel e dous cociñeiros protagonistas da gastronomía galega como Pepe Vieira e Pepe Solla. Desde o Concello queremos agradecerlles a súa implicación e o orgullo que amosan, unha vez máis, por formar parte de Poio”, destacou.
Ademais, recoñeceu que “o éxito desta edición foi tamén posible grazas ao compromiso dos restauradores, cafeterías e establecementos participantes, así como á extraordinaria resposta do público, nunha edición histórica tanto polo número de participantes como polo de locais implicados. Para nós, esa é a mellor noticia: ver como medra a implicación da hostalaría e como veciñanza e visitantes desfrutan cada vez máis desta cita gastronómica”. A gala final, indicou, será tamén unha homenaxe e un punto de encontro para toda a hostalaría do municipio, nun evento que “pon en valor o talento, o diálogo e o orgullo compartido por un sector fundamental para o desenvolvemento socioeconómico de Poio e que nos axuda a seguir sendo un referente gastronómico en toda Galicia.”
O fallo do Xurado Experto permanecerá baixo segredo ata a celebración da III Gala da Hostalaría de Poio, o próximo luns 8 de xuño, no mesmo Pazo de Colón. Nese acto daranse a coñecer tamén os premios ás mellores tapas outorgados polo público, así como o resultado do sorteo dos premios para o público participante que degustou e valorou as tapas presentadas a esta edición de TapeaPoio.
Estes premios están valorados en preto de 7.000 euros e inclúen menús degustación nos restaurantes Pepe Vieira e Casa Solla e outros, cestas de produtos de Supermercados Froiz e Conservas Pescamar, pasaxes á illa de Tambo, bonos de estancia en aloxamentos do municipio, vales para establecementos do municipio, actividades turísticas e máis, achegados xenerosamente por empresas de todo o Concello.