O Concello inicia os trámites para seleccionar un peón forestal, de cara ao mantemento de faixas secundarias e roza de espazos públicos. Ademais, a Oferta Pública de Emprego do Concello de Poio para 2026 inclúe a maiores un novo posto de técnico de xestión ambiental e este luns remata o prazo para que as persoas aspirantes a formar parte das brigadas de incendios e condutores de motobombas presenten as súas candidaturas.
O Concello de Poio impulsa o servizo de medio ambiente con máis persoal e reforzo da prevención forestal.
A Administración local iniciou xa os trámites para seleccionar mediante oposición un perfil de peón ou peoa forestal, tras ser beneficiario dunha axuda da Consellería de Emprego, Comercio e Emigración, que terá un contrato temporal a xornada completa durante nove meses. A persoa contratada fará durante ese tempo labores relacionados maioritariamente coa limpeza e roza de espazos públicos, de cara ao mantemento de faixas secundarias de protección ante posibles incendios. Segundo as bases aprobadas recentemente o proceso selectivo efectuarase a partir dun listado de persoas aspirantes enviado polo Servizo Público de Emprego de Galicia.
Ademais desta praza de peón forestal, a Oferta Pública de Emprego do Concello de Poio para 2026 inclúe, entre outras, a creación dunha nova praza de técnico en xestión ambiental, para xestionar áreas clave como a xestión de residuos, a compostaxe e os espazos naturais.
O concelleiro de Medio Ambiente, Manuel Domínguez, subliña que esta incorporación “permitirá reforzar os traballos de prevención e mantemento en diferentes puntos do municipio, especialmente nun ámbito tan importante como a protección fronte aos incendios forestais”. Ademais, destaca que “o compromiso do Concello coa mellora ambiental tamén se reflicte na planificación a medio e longo prazo, cun reforzo específico deste servizo”.
Precisamente, o luns día 1 de xuño remata o prazo para que os aspirantes a formar parte das brigadas de incendios e condutores de motobombas presenten as súas solicitudes a través da sede electrónica do Concello de Poio. Entre os perfís a contratar inclúense un xefe de brigada, un peón condutor, tres peóns para a brigada e tres condutores de vehículos motobomba.