40 rapaces e rapazas de Poio descubriron hoxe o motociclismo na Seca da man de “Xogade coas motos”

17/05/2026

O programa completou en poucos días todas as prazas dispoñibles exclusivamente con menores residentes no municipio e deixou medio cento de persoas en lista de espera.

Un total de 40 nenos e nenas de Poio participaron hoxe na súa primeira experiencia sobre unha moto de velocidade grazas ao programa “Xogade coas motos”, que por segundo ano consecutivo fixo parada no municipio cun éxito de participación sen precedentes.

A actividade desenvolveuse no recinto da Seca ao longo da mañá e da tarde e, segundo destacan desde a organización, as 40 prazas dispoñibles cubríronse en apenas uns días exclusivamente con rapazada de entre 6 e 15 anos residente en Poio. Ademais, arredor de 50 persoas doutros puntos da provincia quedaron en lista de espera.

Esta iniciativa forma parte do programa Xogade da Xunta de Galicia e conta coa colaboración de VF Timing, da Federación Galega de Motociclismo e dos propios concellos participantes.

O obxectivo da actividade é ofrecer unha primeira toma de contacto co motociclismo en condicións totalmente seguras e sen carácter competitivo, permitindo aos menores descubrir se lles interesa esta modalidade deportiva. Para iso, os participantes tiveron acceso gratuíto ás motos, monos e cascos, realizando diferentes exercicios de habilidade baixo a supervisión de monitores especializados, que tamén asesoraron ás familias sobre o nivel e evolución de cada neno ou nena.

A proposta busca facilitar o acceso ao motociclismo sen que as familias teñan que afrontar o investimento inicial que require este deporte, ademais de ofrecer información e orientación sobre escolas, circuítos e posibles vías de continuidade na práctica deportiva.

O alcalde de Poio, Ángel Moldes, e o concelleiro de Deportes, Tucho Muíños, achegáronse ata o circuíto habilitado na Seca para seguir de preto a proba dos participantes.

Moldes destacou a gran afección existente en Poio polo deporte en todas as súas modalidades e subliñou que o motor “non é unha excepción, tanto no ámbito do automobilismo como das motocicletas, e proba diso é o interese que esperta esta actividade”. Neste sentido, valorou moi positivamente unha iniciativa que “permite que toda a cativada teña as mesmas oportunidades para achegarse ao motociclismo de forma gratuíta, segura e sen necesidade de que as familias teñan que facer un investimento previo sen coñecer o interese real dos menores”.

OUTRAS NOTICIAS

Scroll al inicio