O documento, que recolle de forma provisional 750 viais de titularidade municipal, foi aprobado inicialmente no pleno de abril e pode tamén consultarse integramente na web municipal.
O Concello de Poio achegará á veciñanza durante as próximas semanas o primeiro Inventario de Camiños do municipio, con reunións nas parroquias e un visor online dispoñible na web do Concello.
O documento, que foi aprobado inicialmente por unanimidade no pleno de abril, estará en exposición pública durante dous meses despois de ser publicado hoxe no BOP. Recolle 750 viais de titularidade municipal, cunha lonxitude total de máis de 200 km, froito de varios meses de investigación e traballo de campo da empresa redactora en colaboración cos técnicos municipais. Desde o Goberno local queren facilitar o acceso ao expediente da veciñanza, para que poidan revisalo, comprobar posibles omisións e facer achegas antes da súa aprobación definitiva.
Así, o Goberno local habilitou un visor online, coa posibilidade de consultar toda a información sobre cada camiño nun mapa interactivo e descargar e cumprimentar os documentos necesarios para facer alegacións. Asemade, manterá reunións informativas en todas as parroquias nas que os veciños poderán consultar a documentación, resolver dúbidas e facer suxestións directamente coa concelleira de Urbanismo, Rocío Cochón, técnicos da área e persoal da empresa redactora. O primeiro encontro informativo será o luns 18, de 17:00h a 20:00 h no Casal de Ferreirós, (San Salvador),
Están programadas reunións o venres 22 en Campelo, mércores 27 en Raxó, venres 5 de xuño en Samieira, xoves 11 de xuño no Concello e o luns 15 en Combarro, das que se irá informando en cada parroquia e núcleo para que poidan participar todos os interesados.
Cochón subliñou que o inventario é unha ferramenta esencial para veciños, técnicos, profesionais, empresas… xa que permitirá saber con claridade cales son os camiños públicos e poder planificar con garantías calquera actuación, e destacou a necesidade de que, nun documento tan importante como este para a vida das persoas, a veciñanza poida “coñecelo e participar na súa redacción”.
A edil destacou a importancia de facer o urbanismo accesible á veciñanza, xa que é unha área complexa cun enorme impacto para a as familias. Destacou que, ademais de ferramentas web e reunións informativas, a veciñanza ten as portas abertas do Departamento de Urbanismo para resolver calquera dúbida ou facilitar os seus proxectos de vida.
“Seguimos traballando para facer un urbanismo responsable, útil, accesible, transparente e ao servizo da xente”.
