Poio súmase á «Rede de concellos contra o acoso escolar», con catro eixos de actuación: sensibilización, prevención, formación e denuncia

12/05/2026

A concelleira Natalia Sabarís considera prioritario impulsar políticas públicas orientadas á mellora da convivencia escolar, á protección da infancia e adolescencia e á promoción dunha cultura de tolerancia cero fronte a calquera forma de violencia no ámbito educativo.

O Concello de Poio aprobou hoxe na Xunta de Goberno Local a súa adhesión á Rede de Concellos contra o Acoso Escolar, unha iniciativa impulsada pola Xunta de Galicia e a Fegamp para reforzar a prevención e a actuación fronte ao acoso e ciberacoso nos centros educativos.
A rede centrarase en catro eixos principais: sensibilización, prevención, formación e denuncia. O seu obxectivo é mellorar a coordinación entre administracións, centros educativos, familias e alumnado para ofrecer unha resposta máis rápida e eficaz ante posibles casos de acoso escolar.
Ademais, permitirá establecer un seguimento sistemático e continuado destas situacións, incorporando unha perspectiva territorial que garanta a implicación activa dos distintos axentes locais a través dos servizos municipais.
Entre as súas funcións estarán a observación, análise, asesoramento, seguimento e difusión de información sobre o acoso escolar, así como o apoio aos concellos adheridos na elaboración de programas de prevención e intervención, o desenvolvemento de plans de formación para o persoal municipal e a difusión de iniciativas e actuacións de éxito.
Así mesmo, a rede converterase nun punto de referencia e consulta para orientar aos concellos na xestión destes casos e reforzar a capacidade de intervención coordinada das administracións locais.
A concelleira de Cultura e Educación de Poio, Natalia Sabarís, destaca que o Concello “comparte plenamente os principios e obxectivos desta iniciativa” e considera prioritario impulsar políticas públicas orientadas á mellora da convivencia escolar, á protección da infancia e adolescencia e á promoción dunha cultura de tolerancia cero fronte a calquera forma de violencia no ámbito educativo.
Neste senso, o obxectivo final é fortalecer a colaboración institucional para previr, detectar e abordar de forma coordinada os casos de acoso e ciberacoso no ámbito escolar, favorecendo unha convivencia positiva do alumnado.

OUTRAS NOTICIAS

Scroll al inicio