O Concello de Poio reforza a súa colaboración coa Canceira para garantir o benestar animal

17/04/2026

O investimento anual de 20.000 euros e o reforzo de persoal permiten garantir a atención aos animais e impulsar campañas de adopción e sensibilización. Manuel Domínguez: “esta colaboración continuada permite dar resposta ás necesidades reais da canceira e mellorar de maneira constante a atención aos animais”.

O Concello de Poio vén de renovar o seu compromiso cos Amigos da Canceira de Poio mediante a concesión dunha axuda anual de 20.000 euros, así como coa contratación dunha persoa operaria-coidadora que se encargará da atención diaria dos animais e do mantemento das instalacións situadas en Combarro.

Esta achega económica permitirá á Canceira de Poio facer fronte a distintos gastos necesarios para o seu funcionamento, como a asistencia veterinaria, a contratación de profesionais en conduta animal, a alimentación dos animais, a realización de melloras nas instalacións, a adquisición de material, así como accións de difusión, campañas e actividades de sensibilización.

No último ano, a canceira xestionou a saída de 133 animais, dos cales 68 foron cans e 65 gatos. Estes datos inclúen tanto a devolución aos seus propietarios no caso de animais extraviados como a tramitación de adopcións responsables, ofrecéndolles así unha segunda oportunidade.

Na actualidade, a canceira acolle un total de 43 animais, concretamente 29 cans e 14 gatos, aos que se lles presta atención continuada co obxectivo de garantir o seu benestar.

A nova operaria-coidadora incorporouse este mesmo mes e encárgase tanto do coidado dos animais como do correcto estado das instalacións, reforzando así o servizo prestado.

O concelleiro de Medio Ambiente, Manuel Domínguez, realizou esta mañá unha visita ás instalacións para coñecer de primeira man o funcionamento do servizo e o estado dos animais. Neste sentido, destacou que “esta colaboración continuada permite dar resposta ás necesidades reais da canceira e mellorar de maneira constante a atención aos animais”. Ademais, engadiu que “o noso obxectivo é seguir avanzando en políticas de benestar animal, fomentando a adopción responsable e reducindo o abandono”.

Ao longo de 2025, Amigos da Canceira tamén desenvolveu diversas actividades de sensibilización e participación social, como a súa presenza na feira de animais de compañía, a colaboración en iniciativas solidarias como Tapeapoio e a Feira de Adopcións de Moaña en verán e Nadal. Ademais, organizáronse recollidas de alimentos e doazóns en centros comerciais, actividades como clases de ioga con cans e gatos, e continuouse co programa de esterilización de animais.

A maiores, o Concello de Poio está a intensificar o traballo de esterilización e atención das colonias felinas do municipio, reforzando así as accións de control e benestar destes animais.

O principal obxectivo deste traballo conxunto é dar resposta ás necesidades dos animais que ingresan na canceira, levando a cabo as melloras necesarias para garantir o seu benestar e promovendo a adopción responsable como ferramenta clave para reducir o abandono.

OUTRAS NOTICIAS

Scroll al inicio