As empresas interesadas poden presentar as súas ofertas durante 20 días naturais, a partir da publicación do anuncio no perfil do contratante.
O Concello de Poio vén de iniciar o proceso de licitación das pistas de atletismo da Seca, un proxecto que suporá un investimento de preto de 184.000 euros e que permitirá reforzar e mellorar a oferta deportiva municipal.
A actuación será financiada a través do Plan Extraordinario de Infraestruturas Deportivas da Deputación de Pontevedra. A Xunta de Goberno Local aprobou esta semana o proxecto e as bases de adxudicación, polo que nos próximos días publicarase o anuncio no perfil do contratante. A partir dese momento, abrirase un prazo de 20 días naturais para a presentación de ofertas por parte das empresas interesadas.
O proxecto contempla a construción dunha pista de atletismo de seis rúas e unha soa cola ao redor do campo de fútbol exterior da Reiboa. As obras incluirán tarefas de demolicións e movementos de terras, a instalación dun sistema de drenaxe mediante canaletas de recollida de pluviais, así como a pavimentación, marcaxe e sinalización.
Esta intervención permitirá habilitar unha primeira fase plenamente operativa para a práctica deportiva en condicións óptimas. Nunha fase posterior, está prevista a instalación dun pavimento de tartán que posibilitará a homologación oficial da Real Federación Española de Atletismo (RFEA) conforme aos estándares da World Athletics.
A nova infraestrutura permitirá dar resposta á crecente demanda da veciñanza e dos clubs locais, ao tempo que ampliará e diversificará a oferta deportiva municipal, cun espazo moderno e versátil para o adestramento e a competición.
Esta actuación enmárcase na aposta do Concello de Poio polo reforzo das infraestruturas deportivas municipais. Nos últimos anos, desenvolvéronse iniciativas para mellorar e ampliar as instalacións deportivas do municipio. Así, a través do Plan de Infraestruturas Deportivas da Deputación xa se executaron outros proxectos como a creación da primeira pista Pump-Track de Poio, instalada tamén na Seca, a ampliación dos vestiarios do campo de fútbol municipal, a substitución da cuberta da nave de piragüismo de Combarro ou a creación dunha pista multideportiva en Vilariño, actualmente en execución.
