Maritxe González destaca que se están poñendo en marcha todas as accións posibles dentro do marco legal e administrativos para reforzar o corpo.
O Concello de Poio continúa avanzando no reforzo da súa plantilla de Policía Local co obxectivo de mellorar a seguridade e calidade do servizo á cidadanía.
Na actualidade, o corpo conta con sete axentes en activo e tres en situación de baixa. Ademais, hai dous policías en formación na academia que se incorporarán ao servizo o próximo mes de xuño.
A este reforzo sumarase a chegada, en abril, de dous auxiliares de Policía, así como outros seis efectivos adicionais durante o verán, o que permitirá incrementar de xeito significativo a capacidade operativa do corpo.
Con todas estas incorporacións e medidas, o Concello de Poio prevé alcanzar un total de 20 policías e auxiliares en servizo a partir de xuño.
Ademais, o Concello xa ten creada unha nova praza de oficial de Policía, actualmente en proceso de tramitación, e traballa na ampliación dunha nova praza de axente, que na mesa de negociación contou cos votos favorables de CCOO e CIG, e co rexeitamento da CSIF. Tamén se inclúe un posto de segunda actividade dentro da estrutura do corpo, que realiza as labores administrativas.
Así, desde o Goberno local, a concelleira de Seguridade Cidadá, Maritxe González, destaca que se están poñendo en marcha todas as accións posibles dentro do marco legal e administrativos para reforzar o corpo. Neste senso, lamenta que actitudes individuais estean dificultando o normal desenvolvemento do servizo, ao tempo que reafirma a súa vontade de seguir traballando con responsabilidade e sen ceder a presións que non responden ao interese xeral da veciñanza.