Comeza a renovación integral do parque infantil de Lourido cunha nova temática mariña

24/03/2026

Ángel Moldes: “Seguimos avanzando na creación de áreas de xogo modernas, seguras e adaptadas ás necesidades das familias, apostando ademais por deseños singulares que reforcen a identidade do noso municipio”. Dá resposta a unha demanda histórica da veciñanza e a un dos compromisos do programa do Goberno local: “queremos que as experiencias de xogo sexan únicas e diferentes en cada zona”.

O Concello de Poio vén de iniciar as obras de renovación integral do parque infantil de Costa Xiráldez, en Lourido, unha actuación que permitirá transformar completamente este espazo para convertelo nunha moderna área de xogos con temática mariña.

O proxecto, cun orzamento de 154.275 euros, contempla a creación dun espazo de lecer seguro, accesible, atractivo e inclusivo, inspirado na identidade costeira do municipio. A intervención está sendo executada pola empresa Xogos Kompan e conta cun prazo de execución de tres meses.

O alcalde de Poio, Ángel Moldes, que comprobou esta mañá o inicio dos traballos, destaca a importancia desta actuación dentro da aposta do Goberno local pola mellora dos espazos públicos destinados á infancia. “Seguimos avanzando na creación de áreas de xogo modernas, seguras e adaptadas ás necesidades das familias, apostando ademais por deseños singulares que reforcen a identidade do noso municipio”, sinala.

O rexedor destaca tamén o carácter inclusivo do proxecto: “Queremos que todos os nenos e nenas, independentemente das súas capacidades, poidan gozar destes espazos en igualdade de condicións, favorecendo o xogo compartido e a integración”.

A nova área de xogos terá como elemento central un faro, símbolo característico da costa galega e pouco habitual en espazos infantís. Este faro integrará tres tipos de tobogáns con plataformas a distintas alturas, así como accesos múltiples mediante rampas de escalada e unha rede túnel.

Ademais, o proxecto inclúe estacións de xogo a nivel de solo orientadas á exploración cognitiva, ao xogo simbólico e á experimentación sensorial, tanto auditiva como táctil. Trátase dun conxunto de elementos pensados para diferentes idades e capacidades, favorecendo o uso inclusivo e permitindo que o maior número posible de nenos e nenas poidan xogar de maneira autónoma ou con asistencia.

Xunto ao faro instalaranse tamén columpios con distintos tipos de asento —normal, para bebés e tipo niño, este último adaptado para menores con mobilidade reducida—, así como xogos xiratorios, balancíns, camiños exploradores e outros elementos con deseños inspirados no mar. A actuación manterá tamén a tirolina existente.

A intervención inclúe a substitución do pavimento e dos xogos actuais, que presentan un elevado estado de deterioro, así como a instalación dun novo valado de madeira que mellorará a seguridade do recinto.

Moldes recorda que se vai dar resposta a unha demanda histórica da veciñanza e a un dos compromisos do programa do Goberno local, que vai mellorar de xeito directo a calidade de vida das familias: “queremos que as experiencias de xogo sexan únicas e diferentes en cada zona”.

Esta actuación forma parte do plan integral do Goberno local para modernizar e mellorar as áreas de xogo do municipio. Entre outras iniciativas figuran a creación da primeira pista pump-track de Poio, a renovación do parque da Seca, a transformación do Parque de Ánkar coa instalación dun barco de Cristóbal Colón, a construción dunha pista multideportiva en Vilariño ou o primeiro parque infantil público en Samieira.

Paralelamente, o Concello continúa desenvolvendo labores de mantemento e mellora nas zonas de xogo de todo o municipio, como é o caso das actuacións que se están levando a cabo neste momento no parque infantil de Raxó.

OUTRAS NOTICIAS

Scroll al inicio