Poio consolida eficiencia, crecemento e estabilidade co segundo orzamento de Ángel Moldes

23/02/2026

O Goberno local pecha 2025 con máis investimento, contas saneadas e cumprindo todas as regras fiscais. A liquidación do orzamento supera os 22 millóns de euros, confirma a baixada da débeda municipal ata o 42% e mantén remanente de tesourería positivo.

O Concello de Poio presentará mañá no pleno ordinario a liquidación do orzamento de 2025, o segundo orzamento do actual Goberno local e que consolida a eficiencia, estabilidade e crecemento, cunha xestión rigorosa dos recursos públicos. As contas cumpren coa estabilidade orzamentaria e coa regra de gasto, dous indicadores que avalan a responsabilidade coa que se está administrando o diñeiro de todos os veciños e veciñas.

O orzamento inicial do exercicio era de 14,3 millóns de euros, pero a liquidación final superou os 22 millóns. Este incremento responde ao impulso dado polo goberno municipal a proxectos, servizos e investimentos ao longo do ano, aproveitando oportunidades de financiamento, optimizando os recursos dispoñibles e captando investimentos procedentes doutras administracións.

Ademais, o Concello pechou o exercicio cun remanente de tesouraría positivo próximo aos 300.000 euros e cun aforro neto positivo de 937.236,04 euros. Un dato que, segundo indica o alcalde Ángel Moldes, “é especialmente significativo se se ten en conta que, ao mesmo tempo, continuamos reducindo de xeito importante a débeda herdada coas entidades bancarias, avanzando no obxectivo de sanear as contas municipais, e sen descoidar a atención dos servizos públicos nin os investimentos”.

No que respecta ao volume de endebedamento, a 31 de decembro de 2025 sitúase no 42,3%, fronte ao 48,41% de 2024, ano no que xa se reducira de xeito importante con respecto aos anteriores: en 2023 situábase no 60,60%, mentres que en 2022 era do 55,19%. Estes datos confirman a tendencia á baixa da débeda municipal nos últimos anos.

Desde o executivo local subliñan que estes resultados reflicten que o municipio atravesa un dos mellores momentos dos últimos anos: un concello en crecemento, cada vez máis atractivo e dinámico, con capacidade para impulsar proxectos e xerar oportunidades. Ademais, o alcalde sinala que a liquidación tamén demostra “a boa xestión económica que estamos realizando, apostando pola eficiencia, dando resposta a reclamacións históricas e ao noso programa de Goberno de xeito totalmente responsable, e facendo moito máis con menos”.

Así, considera que a liquidación de 2025 consolida unha senda de estabilidade e crecemento que permitirá seguir mellorando servizos, infraestruturas e calidade de vida para os veciños e veciñas.

OUTRAS NOTICIAS

Scroll al inicio