Poio reforza a súa proxección turística tras un balance moi positivo en Fitur 2026

27/01/2026

O balance da participación na Feira Internacional de Turismo será un dos puntos da Mesa de Turismo que se reunirá o venres 20 de febreiro.

O Concello de Poio fixo este martes un balance “moi positivo” da presenza do municipio en Fitur 2026, a Feira Internacional de Turismo que se celebrou en Madrid entre os días 21 e 25 de xaneiro.

Explicouno o alcalde, Ángel Moldes, que destacou a boa acollida da presentación “Combarro – Poio: Pobo Máxico”, celebrada no stand da rede Pobos Máxicos de España, e que contou cun vídeo promocional amosando un destino “completo e único para descubrir todo o ano”.

Ademais, subliñou o atractivo do espazo promocional permanente instalado polo Concello na avenida principal do recinto, xunto ao stand de Galicia, que atraeu a atención de numerosos asistentes, resaltando algunhas das fortalezas da oferta turística do Concello, como a natureza, o patrimonio, o litoral e a gastronomía. Citou datos oficiais, que cifran en máis de 255.000 os asistentes á edición deste ano, e indicou que “un bo número deles descubriron ou redescubriron Poio”, xa que o tótem promocional estivo instalado durante os cinco días do evento. Ademais de no expositor municipal, os visitantes tamén obtiveron información sobre Poio no propio stand de Galicia, onde como cada ano, o material informativo sobre Poio é dos máis demandados.

Moldes explicou que a delegación do Concello, na que tamén participou a concelleira de Turismo, Rocío Cochón, mantivo reunións ao longo de dous días con empresas e entidades do sector, nacionais e internacionais, coas que se estudaron posibles colaboracións e acordos, e se estableceron contactos que continuarán nos próximos meses.

Así, representantes do municipio tomaron parte nas presentacións das campañas de TurGalicia, Turismo Rías Baixas e iniciativas como o Camiño do Litoral ou a Rías Baixas Film Commission, das que Poio forma parte. Ademais, tamén recabaron ideas en seccións da Feira destinadas á formación e a transformación tecnolóxica, como Fitur Know-How.

Moldes quixo facer un recoñecemento especial polo traballo de todos os empresarios e profesionais turísticos procedentes de Poio que estiveron presentes en Madrid, e que son “magníficos embaixadores do noso”.

MESA DE TURISMO O VENRES 20 DE FEBREIRO

Finalmente, anunciou que este balance, xunto a outros asuntos, trasladarase aos representantes do sector na próxima reunión da Mesa de Turismo de Poio, que se celebrará o venres 20 de febreiro.

Este órgano reúne preto de trinta representantes das actividades turísticas, administracións, grupos políticos e o tecido social e económico do municipio, e reúnese periodicamente desde a súa constitución en 2024. Nesta asemblea estudiaranse os datos turísticos do último exercicio, así como as iniciativas que está levando a cabo o Goberno local. Segundo avanzou Moldes, tamén se anunciará formalmente a decisión de repetir en Fitur 2027, onde se reforzará a presenza e “cremos que Poio vai dar unha grata sorpresa”.

OUTRAS NOTICIAS

Scroll al inicio