Aumenta en 250.000€ o investimento para reforzar os desbroces en todo o municipio

20/01/2026

Ángel Moldes: “Sabemos que é un servizo esencial e por iso é tamén unha prioridade para este Goberno. Contamos cun plan de actuación que se desenvolve durante todo o ano e no que están incluídas todas as zonas do municipio”. A maiores do plan de desbroces, o Concello de Poio reservou no orzamento 2026 máis de 1M€ destinados a mantemento, reposición e conservación de vías e camiños públicos.

O Concello de Poio aumenta en 250.000 euros a partida anual destinada para realizar tarefas de desbroce e limpeza nos camiños e vías de todo o municipio. Un investimento que se sitúa así en preto de 600.000 euros e que permite dar continuidade ao plan municipal, que no caso de Poio ten continuidade ao longo de todo o ano.

O alcalde, Ángel Moldes, explica que “en Poio os desbroces e a limpeza non se deteñen, xa que a vexetación medra rapidamente en épocas de choiva e temperaturas cálidas, como a primavera e o verán, pero tamén é fundamental manter este servizo durante os meses de outono e inverno para garantir a seguridade e mellorar a mobilidade en todo o municipio”.

Neste senso, Moldes lembra que Poio conta cunha ampla dispersión territorial, con numerosas zonas rurais e camiños secundarios que son utilizados de xeito habitual pola veciñanza, o que fai necesario contar cun plan de limpeza e mantemento continuado durante todo o ano. Ademais, recoñece que o pasado ano foi especialmente “duro” para estas tarefas, xa que a alternancia constante de chuvias e sol favoreceu un crecemento máis rápido da vexetación.

O plan de actuación municipal abrangue todos os viais, camiños, cunetas, zonas verdes, sendas, paseos e prazas do municipio. Nos últimos días, os traballos centráronse especialmente na parroquia de Raxó e no paseo da Ostreira: “Sabemos que é un servizo esencial e por iso é tamén unha prioridade para este Goberno. Contamos cun plan de actuación que se desenvolve durante todo o ano e no que están incluídas todas as zonas do municipio”, subliña.

Na actualidade, estes traballos son realizados pola empresa adxudicataria do contrato de desbroce, complementados coa actuación doutras empresas locais que interveñen en zonas como San Salvador, os centros educativos e nas parroquias de Raxó e Samieira, así como noutros puntos máis específicos aos que non chega a adxudicataria. A maiores, inclúese a actividade desenvolvida pola Fundación Juan XXIII, que acondiciona as zonas de Ánkar, Lourido e A Reiboa. Todo este dispositivo complétase cunha brigada de operarios municipais e, durante os meses de verán, co apoio das brigadas de prevención de incendios.

A maiores destes 600.000 euros para o plan de desbroces, o Concello de Poio reservou no orzamento 2026 máis de 1M€ destinados a mantemento, reposición e conservación de vías e camiños públicos.

SOLICITAN A IMPLICACIÓN DA VECIÑANZA PARA MANTER AS PARCELAS LIMPAS

Desde o Goberno municipal lembran que estas tarefas son fundamentais non só para a limpeza e mellora da visibilidade nos camiños, senón tamén para a prevención de incendios. Por iso, e sendo conscientes do importante esforzo económico que realiza cada ano o Concello de Poio, piden tamén a implicación e cooperación da veciñanza, lembrando que é responsabilidade das persoas propietarias manter as súas parcelas limpas, procedendo ao seu mantemento, limpeza, desbroce, recorte da maleza e retirada da mesma.

OUTRAS NOTICIAS

Scroll al inicio