A Comisión de Seguimento de Tambo aproba o Plan de Emerxencias da Illa e avanza na redacción do ENIL e do Plan de Usos

21/07/2025

Coinciden na importancia de avanzar con estes documentos, facelo con consenso e priorizando en todo momento o respecto máximo á natureza, conservación, protección e historia da illa.

O Concello de Poio celebrou esta semana unha nova xuntanza da Comisión de Seguimento da Illa de Tambo, na que se avanzou de forma significativa na elaboración dun documento clave para garantir a protección e conservación deste espazo natural, nomeadamente: a redacción do Espazo Natural de Interese Local (ENIL) e do Plan de Usos e Conservación.

Esta xuntanza enmárcase nun proceso de participación e escoita activa dos colectivos e entidades que forman parte da comisión, co obxectivo de integrar as súas achegas e avanzar neste documento desde o diálogo e o consenso. Unha vez pechado o prazo de presentación de alegacións, realizáronse reunións individualizadas con cada colectivo que presentou observacións, co fin de incluír as súas suxestións no documento conxunto. Todos coincidiron na importancia de avanzar con estes documentos, facelo con consenso e priorizando en todo momento o respecto máximo á natureza, conservación, protección e historia da illa.

Durante a reunión, tamén se aprobou por unanimidade o Plan de Emerxencias e Autoprotección da Illa de Tambo, un documento que cumpre todos os requisitos técnicos desde o punto de vista medioambiental. O alcalde Ángel Moldes explicou que as alegacións presentadas conteñen observacións de interese que poderán ser tidas en conta en futuras revisións e adaptacións deste plan de emerxencias, especialmente tras a aprobación do ENIL. Asemade, volveu insistir en que o único obxectivo do Concello de Poio é converter a Tambo nun referente medio ambiental, turístico e patrimonial absolutamente respectuoso coa contorna.

OUTRAS NOTICIAS

Scroll al inicio