O programa “Xogade coas motos” da Xunta de Galicia repite experiencia na Seca por segundo ano consecutivo.
“Xogade coas motos” volve a Poio tras o éxito do ano pasado. Unha oportunidade para que 40 rapaces e rapazas de entre 6 e 15 anos teñan a súa primeira experiencia co manexo das motos de velocidade.
O alcalde Ángel Moldes e o concelleiro de Deportes Tucho Muíños, presentaron esta mañá o evento, acompañados por Sandra Fernández, presidenta do Motoclub VFM e coordinadora de Xogade coas motos, que forma parte do programa Xogade da Xunta de Galicia coa colaboración de VF Timing e da Federación Galega de Motociclismo.
Desenvolverase o sábado 16 de maio na Seca, en horario de mañá e de tarde. A actividade ten como finalidade saber se ao neno lle gusta o deporte do motociclismo, polo que non se trata dunha competición. Os máis pequenos terán acceso gratuíto ás motos, monos e cascos para realizar distintos exercicios de habilidade que serán dirixidos por monitores que valorarán o nivel do pequeno e informarán aos pais do nivel no que se atopan. Trátase dunha primeira toma de contacto que permite que os nenos con inquedanzas polo motociclismo poidan achegarse a este deporte sen que as familias teñan que facer o investimento inicial, así como asesoramento para a súa práctica habitual en escolas, circuítos ou competicións.
A cita volveu espertar gran interese no municipio, que colgou o cartel de completo co primeiro tramo de inscrición, destinado exclusivamente para a rapazada de Poio.
Moldes recordou que en Poio hai moita afección polo deporte en todas as súas modalidades e o motor non é unha excepción, tanto a nivel automobilismo como motocicletas. Por iso, entende que esta proposta é unha oportunidade moi interesante para seguir promocionando o deporte e para que toda a cativada teña as mesmas oportunidades para probar o motociclismo de xeito gratuíto, totalmente seguro, sen competición e sen necesidade de que as súas familias invistan cartos nun equipo sen coñecer o interese real do menor.