Unha web nova máis funcional, intuitiva e dinámica

23/02/2024

O Concello de Poio presenta unha web nova máis funcional, intuitiva e dinámica. Un portal que mellora a súa estrutura e recolle todos os servizos e información municipais para prestar unha mellor atención á cidadanía e, ademais, potenciar a súa participación.

Xa está activo desde hoxe en concellopoio.gal, e tal e como indica a concelleira de Novas Tecnoloxías, Tamara González, que esta mañá se reuniu con galaicotec.com, a empresa responsable do novo deseño para comprobar o seu funcionamento, é máis accesible para os veciños xa que poden atopar con facilidade todos os recursos, trámites e servizos municipais que teñen á súa disposición.

“Queríamos un deseño limpo, con todo o contido moito máis claro, de fácil acceso para todas as persoas, e no que se inclúan todos os recursos, servizos, trámites e información dispoñibles”, asegura.

Así, destaca que xa no inicio se inclúe acceso ás novas do concello, enlace ao portal de turismo, así como accesos rápidos aos servizos e trámites máis utilizados, como a sede electrónica, o taboleiro de anuncios, avisos e incidencias, servizos, o portal de transparencia, a retransmisión de plenos en directo, a canle de denuncias ou os pagos e recibos. Tamén na páxina de inicio inclúese acceso directo á plataforma de participación cidadá e a EmpregoPoio. E, tamén como novidade, resérvase un espazo para a axenda nas que se incluirán as actividades que se organizan tanto desde o concello como por colectivos locais e que contan coa colaboración da administración local.

O cidadán pode acceder ao resto de contidos por trámites, nos que se inclúen a factura electrónica, o padrón municipal, ou os casamentos; por servizos, onde están recollidos todos os edificios, departamentos e todos os espazos que ofrecen servizos municipais; ou por temas, entre os qeu se inclúen educación e deporte, incidencias, infraestruturas e mobilidade, compostaxe ou benestar e saúde, entre outros. Ademais, é unha páxina interactiva, que inclúe teléfonos de interese e un buscador, sempre pensado e estruturado para facilitar a atención á cidadanía.

Por último, González explica que ademais de pensar nunha mellora do contido e deseño da web, que está adaptada para o seu uso en móbil, tablet ou pc, a renovación tamén supón unha mellora importante no tempo de carga así como a optimización dos recursos.

OUTRAS NOTICIAS

Scroll al inicio