Unha oficina móbil da Policía Nacional permitirá expedir o DNI e pasaporte en Poio en menos de quince minutos

17/01/2025

O alcalde Ángel Moldes reuniuse este mañá cos responsables do proxecto na Comisaría de Pontevedra, que confirman que este servizo comezará a funcionar nas próximas semanas e percorrerá diferentes lugares do municipio. É o primeiro concello da provincia no que se implanta este proxecto, que pretende achegar a administración e mellorar a accesibilidade da cidadanía.

O Concello de Poio será o primeiro municipio da provincia en contar cunha oficina móbil de documentación da Policía Nacional, que permitirá á cidadanía obter ou renovar tanto o DNI como o pasaporte de forma cómoda, rápida e con maior accesibilidade. O alcalde Ángel Moldes reuniuse esta mañá cos responsables do proxecto VIDOC (vehículos integrais de documentación) na comisaría de Pontevedra, que confirmaron que comezarán a implantar este servizo no concello nas próximas semanas e que, ademais, permitirá percorrer diferentes localizacións dentro do propio municipio.

Nesta furgoneta, e sempre con cita previa que se poderán solicitar na Alcaldía do Concello de Poio, o cidadán poderá obter ou renovar o seu DNI e pasaporte en menos de quince minutos e en un só trámite, sen necesidade de acudir a unha oficina física. Unha xestión que permitirá maior comodidade á veciñanza de Poio e incluso doutros concellos limítrofes, porque evitará desprazamentos innecesarios, pero tamén aforrar tempo e recursos na xestión e maior accesibilidade, porque esta unidade móbil irase desprazando por diferentes lugares do termo municipal.

Ángel Moldes salientou que é un servizo importante para a cidadanía de Poio, porque terá a oportunidade de renovar ou expedir uns documentos esenciais de xeito sinxelo, cómodo e ao lado da súa casa. Nesta liña, incidiu en que é fundamental achegar e facilitar as xestións con trámites máis rápidos, próximos e eficientes, independentemente do lugar onde residan. Ademais, na propia oficina móbil darase a oportunidade de abonar as taxas de expedición dos documentos en metálico ou incluso en tarxeta, tal e como se pode facer na propia comisaría de Policía.

A Comisaría de Pontevedra facilitará nos próximos días o calendario no que vai acudir a Poio e será nese momento cando se oferten publicamente as citas de expedición do DNI ou pasaporte á cidadanía, que terán que solicitar a súa cita previa no propio Concello de Poio, no teléfono 986 77 00 01, na extensión 1202. Os primeiros días a furgoneta ubicarase na contorna de San Salvador, e nas seguintes xornadas percorrerá outras parroquias.

OUTRAS NOTICIAS

Scroll al inicio