Unanimidade do pleno para recuperar a contorna e mellorar a mobilidade entre Casalvito e O Padrón

20/11/2024

O Concello de Poio solicitará fondos do Plan Provincia Extraordinaria para executar esta actuación integral, que supera os 720.000 euros: “é un investimento importante para facilitar a mobilidade entre as parroquias de Combarro e de San Xoán e que vai mellorar a calidade de vida da veciñanza, con espazos máis accesibles e seguros, nos que se dá prioridade aos peóns, e poñendo en valor toda a contorna”.

Unanimidade do pleno do Concello de Poio para o proxecto que pretende recuperar a contorna e mellorar a mobilidade entre Casalvito e O Padrón, unha actuación que supera os 720.000 euros e para a que solicitarán fondos do Plan Provincia Extraordinaria.

Foi durante a sesión extraordinaria que se celebrou esta mañá, na que se acordou tamén prorrogar o contrato do Servizo de Axuda no Fogar, á empresa IDADES, por un ano máis, ata o 25 de novembro de 2025.

O alcalde Ángel Moldes explicou que “o de Casalvito e O Padrón é un investimento importante para facilitar a mobilidade entre as parroquias de Combarro e de San Xoán e que vai mellorar a calidade de vida da veciñanza, con espazos máis accesibles e seguros, nos que se dá prioridade aos peóns, e poñendo en valor toda a contorna”. Así, indicou que, no caso de que finalmente sexa financiado polos plan Extra, segundo o tramo de poboación, ao Concello de Poio corresponderíalle unha axuda máxima do 75% do importe total.

O proxecto pretende mellorar a mobilidade e seguranza viaria, eliminando as barreiras arquitectónicas e de accesibilidade existentes, e xerando unha plataforma única de circulación con prioridade de paso aos péons fronte aos vehículos. Proponse así a renovación da pavimentación existente de formigón ou asfalto por outra máis acorde con formigón coloreado raiado e adoquín granítico, que pola súa configuración contribuirá a reducir a velocidade dos vehículos de forma natural e complementaria á obrigación de velocidade máxima da vía. Ademais, incluirase a reposición das canalizacións que están en mal estado, novas dotacións de servizos para recoller augas pluviais e de soterramento das instalacións de subministro de eléctrico, telecomunicacións e alumeado, con novos farois LED.

Moldes sinalou que estas rúas conectan as parroquias de San Xoán e Combarro, con grande interese tanto veciñal, para servizos sanitarios, alimentarios…, como turístico, ao situarse ao carón do casco histórico de Combarro, servir de conexión co Mosteiro de San Xoán e ser paso da variante espiritual do Camiño de Santiago. Ademais, mellorará o acceso á praia do Padrón, dando unha solución importante a un dos sectores estratéxicos máis importantes do municipio, xunto ao turístico, ao beneficiarse as mariscadoras de máis seguridade e mellor acceso ás zonas de marisqueo, sobre todo nos meses de inverno cando as condicións climáticas son peores e traballan con menos luz.

OUTRAS NOTICIAS

Scroll al inicio