Un convenio entre o Concello de Poio e a MVMC de Tarrío permitirá o uso público dos parques infantil e biosaudable de Río de Bois, en Samieira

13/07/2026

Segundo explica o alcalde, Ángel Moldes, incorporar estas áreas de lecer á rede municipal permitirá non só abrir estas instalacións para o disfrute de toda a veciñanza, senón tamén garantir que teñan continuidade no tempo.

Os parques infantil e biosaudable de Río de Bois, en Samieira, xa son de uso público. O convenio que acaban de asinar o Concello de Poio e a Comunidade de Montes Veciñais en Man Común (MVMC) de Tarrío permitirá incorporar estas áreas de lecer á rede municipal, co obxectivo de que a veciñanza de Samieira, así como o conxunto da cidadanía, poida facer uso e desfrutar tanto do terreo no que se sitúan estas instalacións como das máquinas e elementos que as integran.

O alcalde, Ángel Moldes, que asinou o convenio co presidente da Xunta Reitora da Comunidade de Montes, José Manuel Balboa, explica que esta incorporación á rede municipal “permitirá non só abrir estas instalacións para o disfrute de toda a veciñanza, senón tamén garantir que teñan continuidade no tempo. Ao pasar a formar parte da rede municipal de parques infantís e áreas biosaudables, recibirán o mesmo nivel de atención e mantemento que o resto de instalacións públicas do concello, realizando as actuacións de conservación, revisión e posta a punto que sexan necesarias para que permanezan sempre nas mellores condicións de uso e seguridade para as persoas usuarias”.

O convenio terá unha duración de catro anos e non supón ningunha contraprestación económica para ningunha das partes. Durante a súa vixencia, o Concello de Poio poderá realizar todas as actuacións e traballos necesarios para conservar os parques en perfecto estado de uso e seguridade para as persoas usuarias.

Coa apertura ao uso público destas instalacións en Río de Bois e co proxecto municipal para construír a primeira área de xogo pública de Samieira, situada na praza Alfredo Romay, o Concello continúa dando resposta ás necesidades da parroquia e ampliando a rede de espazos públicos destinados ao lecer e á convivencia das familias.

OUTRAS NOTICIAS

Scroll al inicio