Máis de vinte persoas participaron esta mañá na iniciativa “O alcalde, máis preto de ti”.
Ángel Moldes trasladouse esta mañá ata o local social de Tarrío, en Samieira, para atender á veciñanza a través do programa de participación “O teu alcalde, máis preto de ti”. Ao longo da mañá, entre as 10.00 e as 13.00 horas, achegáronse máis de vinte persoas para falar directamente co rexedor e trasladarlle algunhas das inquedanzas e propostas para mellorar a calidade de vida da veciñanza deste lugar.
Entre algúns dos asuntos propostos polas veciños e veciños que participaron nestes encontros inclúense a necesidade de mellorar o transporte público no rural, un proxecto no que, como aclarou o alcalde, xa traballa o Concello de Poio para potenciar a mobilidade e os desprazamentos internos; mellorar o acceso á praia de Caeiro; retirar postes de telefonía; reforzar a limpeza de beirarrúas coa nova máquina a presión do Concello de Poio; así como a necesidade de executar os proxectos de reforma da seguridade vial da PO-308, entre Combarro e Samieira, e a humanización da PO-303. Precisamente, sobre estes dous proxectos, Moldes explicou que son prioritarios para o Goberno local e, neste senso, indicou que desde a Xunta xa están traballando na redacción dun proxecto da senda da PO-303 que reflicta na mellor seguridade da zona.
Para o alcalde, todas estas propostas reflicten a realidade e as necesidades que hai en Samieira. “Son os veciños e as veciñas de cada lugar quen coñece mellor as carencias e cales son as actuacións que poden mellorar o seu día a día, e por iso para nós, como Goberno, é fundamental escoitalos”. Son, indicou, “propostas realistas e perfectamente asumibles” e, neste senso, sinala que desde o Concello de Poio xa se está dando resposta a outras propostas que xurdiron nas reunións que xa se foron realizando polos diferentes lugares, como por exemplo a instalación dunha marquesiña para os escolares na rúa Valiña ou mellora do aparcamento do colexio de Lourido.
“O alcalde, máis preto de ti” é un programa de participación cidadá que pretende achegar a administración local e a atención aos veciños de todas as parroquias. Busca fomentar o contacto directo coa veciñanza, trasladando a Alcaldía desde San Xoán a San Salvador, Campelo, Combarro, Samieira e Raxó.
Como mínimo unha vez ao mes Moldes desprazarase a espazos municipais en todas as parroquias. A seguinte cita é Raxó, no Centro Cultural Xaime Illa, o mércores 30 de outubro, entre as 10.00 e as 13.00 horas. Son reunións individuais para as que non é preciso solicitar cita previa.