O alcalde Ángel Moldes sinala que é importante dar pasos para poñer en valor e protexer a illa, e facelo de xeito transparente, aberto e participativo.
O Concello de Poio realizou esta semana unha nova xuntanza da Comisión de Seguimento da Illa de Tambo, para avanzar sobre a redacción do Espazo Natural de Interese Local (ENIL) e do Plan de Usos e Conservación, que son dous documentos fundamentais para preservar e protexer a illa, así como para poñer en común os traballos do Plan de Emerxencias e Autoprotección.
Na reunión, que contou coa asistencia das persoas que participaron na redacción dos documentos, Santiago Couceiro (Plan de emerxencias), Gaspar Bernárdez e Pablo Pino (ENIL) e Sergio Portela e Juan Carlos Portela (Plan de Usos e Conservación), así como representantes da corporación municipal, colectivos e entidades, Consellería de Medio Ambiente e do Galp, entre outros, o alcalde, Ángel Moldes, afirmou que é importante dar pasos cara adiante e avanzar con estes documentos que priorizan en todo momento o respecto máximo á natureza, conservación, protección e historia da illa. Así, apostou por facelo de xeito “totalmente transparente e aberto, facendo que todos os veciños se sintan partícipes deste proxecto”.
Durante o encontro, Moldes explicou que a proposta do persoal técnico municipal é refundir o Plan de usos e conservación co ENIL, resultando un documento “moi protector” coa Illa, un aspecto no que se continuará traballando na próxima xuntanza da comisión de seguimento. Nesta liña, volveu asegurar que “todo o que se faga en Tambo vai ser co consenso da comisión de seguimento”.
Tal e como indicou o alcalde e confirmou o arquitecto Sergio Portela, este proxecto é continuísta, xa que comezou no ano 2020: “é o mesmo proxecto desde a súa orixe: os mesmos técnicos e as mesmas intencións. Tambo conta cun enorme potencial e valor patrimonial, arquitectónico, cultural e histórico que debe ser garantido e protexido de cara ao futuro”.
Por último, sobre o Plan de Emerxencias e Autoprotección para Tambo, explicaron que se fixo un estudo de riscos a partir dos que se propoñen uns puntos de evacuación en toda a illa e unha habilitación de terreos para que, no caso de que fose necesario ante unha emerxencia, sexa factible que aterrice un helicóptero de salvamento.