Rematan con éxito os cursos de alfabetización e competencias dixitais en Poio

04/10/2024

Realizaranse catro sesións máis antes de rematar o ano: do 14 ao 23 de outubro e do 4 ao 13 de novembro, nos dous casos en horario de mañá e de tarde.

Preto de 40 persoas remataron con éxito a terceira e cuarta edicións dos cursos de alfabetización e competencias dixitais transversais que o Concello de Poio está organizando na Aula da Reiboa. O alcalde, Ángel Moldes, e a concelleira de Promoción Económica, Maritxe González, desprazáronse ata o local para interesarse pola evolución e opinión do alumnado que participou nestas formacións.

En total, son oito as formacións gratuítas que se están organizando ao longo do ano e que buscan facilitar ao alumnado os coñecementos básicos para que poidan realizar comunicacións e transaccións seguras en liña, utilizando os seus propios dispositivos electrónicos e familiarizándose con novas oportunidades de formación e aprendizaxe. As últimas catro edicións realizaranse do 14 ao 23 de outubro e do 4 ao 13 de novembro, nos dous casos en horario de mañá ou de tarde.

Moldes agradeceu o interese que amosou o alumnado coa actividade e sinalou que supón unha oportunidade para reducir a fenda dixital, para formarse en competencias que favorecen a súa empregabilidade, que favorecen a súa conectividade e que son imprescindibles tamén para facer xestións básicas.

Cada curso ten 32 horas de duración, e impártese na modalidade presencial na aula de informática situada na Reiboa. As persoas interesadas pódense inscribir en calquera dos cursos que quedan por celebrarase nun formulario que atoparán na páxina web poiodixitaliza.es ou solicitar información no teléfono 604 039 575.

Entre os contidos inclúense módulos de tecnoloxías habilitadoras dixitais (2 horas), información e alfabetización dixital (6 horas), comunicación e colaboración online (6 horas), creación de contidos dixitais (6 horas), seguridade na rede (6 horas) e resolución de problemas (6 horas).

Finalizada a formación, porase disposición do alumnado que o solicite un servizo de acompañamento para acreditar as competencias. Este proceso de asesoramento adaptarase ás necesidades individuais de cada persoa, e incluirá unha entrevista persoal, información sobre procedementos e requisitos que deben cumprir, recompilación de documentación e asistencia ata completar o proceso.

OUTRAS NOTICIAS

Scroll al inicio