O Concello de Poio vén de finalizar os traballos de remodelación e mellora do parque biosaudable situado na Seca, unha actuación dirixida a renovar este espazo e fomentar hábitos de vida saudables entre a veciñanza.
A actuación incluíu o arranxo e posta a punto dos elementos xa existentes, co obxectivo de garantir a súa seguridade e funcionalidade e adaptalos á normativa vixente, así como a colocación de novos aparatos de exercicio adaptados a diferentes idades e niveis de actividade física.
Entre as actuacións realizadas destacan a reparación de sete estruturas deterioradas, a substitución de pezas danadas, labores de pintado e lixado, a reposición de rodamentos en mal estado e tratamentos antióxido, ademais da instalación de tres novos elementos que permitirán ampliar as posibilidades de exercicio e mellorar a experiencia das persoas usuarias.
Dende o Concello, o alcalde Ángel Moldes subliña que esta actuación responde ao compromiso municipal coa mellora dos espazos públicos e coa promoción da saúde e do benestar da cidadanía, apostando por infraestruturas accesibles, seguras e adaptadas ás necesidades actuais. Neste senso, recorda que este parque é un dos máis utilizados pola veciñanza, ao carón dunha contorna incomparable, da senda do Litoral e de toda a zona da Reiboa.
O parque conta con diferentes aparatos de ximnasia orientados a traballar o quentamento, a mobilidade, a coordinación e distintos exercicios físicos adaptados ás necesidades das persoas usuarias.
Aínda que calquera persoa pode facer uso destas instalacións, as persoas maiores son unhas das principais beneficiarias, xa que os parques biosaudables están deseñados para favorecer o envellecemento activo, complementar procesos de rehabilitación e contribuír á mellora da saúde cardiovascular e da mobilidade, entre outros beneficios.
O renovado parque biosaudable xa está aberto ao público para o desfrute da veciñanza.