Recuperamos o Entroido esta fin de semana coa Pasarela de Comparsas, os enterros dos galos Bruxo e Fodorico e a Festa Choqueira

27/03/2025

Agrupacións de toda a provincia, máis de 600 persoas, participan o venres na segunda edición da exhibición na Seca, que inclúe mencións especiais e a animación musical de Dolce Vita.

O Entroido de Poio retomáse esta fin de semana, tras as cancelacións provocadas pola borrasca Martinho, coa celebración da Pasarela de Comparsas, os enterros do Galo Bruxo e Fodorico e a Festa Choqueira.

O alcalde, Ángel Moldes, que hoxe participou na presentación do Enterro do Galo Fodorico e da Festa Choqueira xunto con representantes da ACV Ronsel, subliñou que hai moita expectación coa segunda edición da pasarela de comparsas, que se celebra este venres, día 28, para a que xa están confirmadas a participación de doce agrupacións de toda a provincia e, recoñeceu, continúan recibindo chamadas para interesarse polo evento.

Así, máis de 600 persoas desfilarán e ensinarán as súas creacións e coreografías na Seca, previo ao fin de festa coa animación musical de Dolce Vita. Será a partir das 21.00 horas. Entre as comparsas que van participar nesta segunda edición inclúense as locais, As Sonecas, Os Canecos, 100Tolos e Grupo de Entroido de Samieira, así como Os Paparrulos, Retrincos, Alegría de Bora, Miúdos, Politicamente Incorrectos, Cor Café, Os da Caña e Os amigos dos rapaces. O xurado, que estará composto por profesionais locais de diferentes eidos, valorarán e entregarán mencións especiais á orixinalidade, imaxe, animación, coreografía, interpretación musical e disfrace máis elaborado, entre outros. Desde o Concello de Poio animan a veciños e visitantes a sumarse a esta Pasarela de Entroido, o “sambódromo” da Seca, cos seus disfraces.

Tras a Pasarela de Comparsas da Seca, o Entroido continúa o sábado 29 cos enterros dos galos Bruxo e Fodorico e a Festa Choqueira. No caso do Galo Bruxo, celébrase en Samieira, a partir das 17.00 horas. O cortexo fúnebre sairá desde a Praza Amalita ata a Casa do Pobo en Río de Bois. Organiza SCD Samieira.

A continuación, desde as 21.00 horas, celebrarase o Enterro do Galo Fodorico e a Festa Choqueira, organizada pola ACV Ronsel. O cortexo fúnebre sairá ás 21.00 horas desde os canos ata a Praza do Mosteiro, onde se incinerará ao galo Fodorico. A Festa Choqueira comezará a partir das 21.30 horas, con premios nas categorías individual, parella e grupo. A festa estará amenizada polo grupo Rever, e repartirase chocolate quente e biscoito entre os asistentes.

OUTRAS NOTICIAS

Scroll al inicio