A apertura do ximnasio municipal da Seca en horario de mañá atrae a 150 novos usuarios en só un mes

14/12/2023

O ximnasio municipal da Seca rexistra 150 novos usuarios tan só un mes despois de que o novo Goberno decidise ampliar o seu horario e abrir tamén durante as mañás, entre as 7.00 e as 14.00  horas. Unhas cifras que, segundo o edil de Deportes, Cándido Muíños,  “demostran o éxito desta iniciativa e que demos resposta a unha demanda real da cidadanía”. Con todo, asegura que as maiores previsións espéranse en xaneiro.

Practicamente a totalidade destas altas novas están directamente relacionadas co novo horario do ximnasio, xa que había moitas persoas que non podían asistir polas tardes por cuestións laborais ou incluso por conciliación familiar. Pero, ademais, a estas cifras hai que engadir a maiores outros usuarios que xa estaban adestrando no ximnasio pero que, tamén por compatibilidade, estanse cambiando para a xornada matinal o que contribúe a desconxestionar as sesións de tarde. “A satisfacción dos usuarios é palpable, non só por todas esas novas altas de mulleres e homes que ata o de agora non podían beneficiarse do ximnasio municipal e desde o mes de novembro xa poden facelo, senón tamén das persoas que xa estaban usando a instalación e ás que se lle mellora de xeito significativo a atención e a calidade do servizo que se lle presta”. Así, refírese Muíños por exemplo, a outro perfil de usuario, o que traballa por quendas semanais de mañá e de tarde e que, desde novembro, pode tamén alternar eses horarios no ximnasio.

Polas mañás, as clases guiadas de pilates son as máis demandadas. Impártense de luns a venres en varias franxas horarias, pero a máis solicitada é a clase das 9.00 horas. Persoas de mediana idade, principalmente mulleres, con problemas de costados ou dores nos ombreiros polos seus traballos que, tras unhas semanas de exercicios, xa están notando leves mellorías. Ademais de pilates tamén hai clases de adestramento funcional e ximnasia de mantemento, que axudan a ser máis constantes coas rutinas. 

Pero non só as clases monitorizadas son as que teñen éxito, tamén hai xente que demanda ao monitor rutinas de ximnasia nas máquinas da sala. 

OUTRAS NOTICIAS

Scroll al inicio