Marcial García destaca que “para o Goberno son tan importantes as grandes inversións que están a transformar Poio como estas actuacións de proximidade, que teñen unha incidencia directa na calidade de vida dos veciños e veciñas e na mellora do seu día a día”. Explica que xa se están a tramitar as autorizacións necesarias ante Costas e a Deputación para executar unha actuación que reforzará a seguridade e a mobilidade nesta vía municipal.
O Concello de Poio continúa avanzando na mellora da súa rede viaria municipal cun novo proxecto no Camiño da Ribeira, na parroquia de San Salvador, unha actuación que permitirá dar resposta a unha reclamación da veciñanza da zona desde hai moitos anos.
O concelleiro de Obras e Servizos, Marcial García, subliña que esta intervención materializa un compromiso adquirido polo Goberno local cos residentes deste lugar, que levaban anos reclamando unha solución para o deterioro desta vía. “Trátase dunha actuación moi demandada pola veciñanza e que permitirá mellorar de forma significativa a seguridade e a comodidade dos usuarios deste camiño. Para este Goberno son tan importantes as grandes inversións que están a transformar Poio como estas actuacións de proximidade, que aínda que teñen unha menor dimensión económica, teñen unha incidencia directa na calidade de vida dos veciños e veciñas e na mellora do seu día a día”, sinala.
A actuación desenvolverase nun tramo de titularidade municipal de 701 metros cadrados, que dá acceso a varias vivendas e parcelas de cultivo e que presenta un notable desgaste debido ao paso do tempo e ao uso continuado.
Os traballos previstos consistirán na rehabilitación integral do firme mediante a renovación da capa de rodadura, coa extensión dunha capa de cinco centímetros de mestura bituminosa en quente. Ademais, con carácter previo executaranse labores de demolición e movemento de terras para adecuar a rasante e garantir unha correcta execución da obra.
Marcial García explica que esta actuación responde tamén aos compromisos adquiridos coa veciñanza durante as reunións mantidas nos últimos meses. “Nesta zona está prevista a implantación da rede de saneamento ao abeiro do novo contrato da auga. Tal e como acordamos cos veciños, mentres ese proxecto non se executa imos actuar agora sobre toda a vía para mellorar canto antes as condicións de circulación e seguridade”, indica.
O concelleiro engade que debido ao avanzado estado de deterioro do firme, resulta máis eficiente e ten un menor custe acometer unha renovación integral da capa de rodadura que realizar actuacións puntuais de bacheo.
Marcial García explica que o Concello xa dispón do financiamento necesario para levar a cabo esta actuación, incluída dentro do plan provincial VíaDepo da Deputación de Pontevedra. Mentres se avanza no proceso de contratación das obras, o Goberno local está a tramitar tamén as autorizacións preceptivas ante Costas e a propia Deputación, ao tratarse dunha vía que conecta cunha estrada de titularidade provincial. O concelleiro amósase convencido de que os traballos poderán iniciarse proximamente.
Esta actuación forma parte dun proxecto máis amplo de mellora da rede viaria municipal financiado a través do plan VíaDepo, que inclúe tamén intervencións na Rúa Viñas, o Camiño da Bouza, o Camiño da Fábrica, a Rúa do Adro, dous ramais do Pereiro e Río Lérez. O investimento global previsto para o conxunto destas actuacións achégase aos 120.000 euros.