A concelleira Natividad Torres presidiu onte o Consello local da Muller, no que as representantes dos colectivos que forman parte deste órgano municipal presentaron as súas propostas para elixir ás mulleres que serán homenaxeadas con motivo do Día Internacional da Muller.
O Concello de Poio xa está ultimando a programación para conmemorar o Día Internacional da Muller, cunha proposta de actividades e accións que se desenvolverán ao longo de todo o mes de marzo. Este foi un dos puntos abordados na reunión do Consello Municipal da Muller que se celebrou este xoves na Casa do Concello, na que as representantes dos colectivos que forman parten del presentaron as súas propostas para elixir ás cinco mulleres que serán homenaxeadas este ano, poñendo en valor a súa traxectoria persoal, social ou laboral, e que son un exemplo da participación da muller na sociedade.
Segundo indicou a concelleira de Benestar e Igualdade, Natividad Torres, estas veciñas serán homenaxeadas o 7 de marzo durante un acto “moi especial e emotivo” no Pazo de Besada. Pero, como adiantou, a programación do 8M estenderase ao longo de todo o mes de marzo e, como o ano pasado, volverá a incluír accións destinadas para os centros de ensino “conscientes de que a educación é fundamental para avanzar cara unha igualdade real e efectiva desde as xeracións máis novas”. Con todo, nas próximas semanas darase a coñecer polo miúdo as datas e actividades programadas.
Ademais, durante o Consello da Muller tamén se abordaron outras cuestións, como a selección dun colectivo para representar ao Consello na Mesa local de Turismo, tarefa que recaerá finalmente na asociación Mulleres do Mar.
O ano pasado, o Concello de Poio homenaxeou a Rosalía Outón, de Raxó; Elena Padín, de Samieira; Marina Buceta, de Combarro; Milagros Pérez, de San Xoán, e Peregrina Nores, de San Salvador.