Poio volve adherirse ao convenio con Xunta e Fegamp para a vixianza, control e retirada de niños de velutina

02/04/2025

Os veciños afectados pola presencia de niños poden solicitar a súa retirada no número de teléfono 012.

O Concello de Poio volve adherirse ao convenio coa Xunta de Galicia e a Fegamp para a vixianza, control e retirada de niños de avespa asiática (velutina) no municipio. A través deste acordo, os veciños afectados pola presencia de niños poden solicitar a súa retirada no número de teléfono 012. Este convenio ten unha duración anual, e permite poñer a disposición dos concellos un sistema de avisos que se canalizan polas chamadas recibidas e informa ás entidades locais da xestión de todos os avisos de niños de vespa velutina recibidos por esta canle.

Para garantir e xestionar estes avisos, inclúese a revisión, eliminación ou neutralización dos niños activos e realizar as actuacións que procedan nun tempo máximo de cinco días hábiles e sinalización da localización dos niños inactivos non retirados, para evitar así réplicas de avisos. A través deste convenio, en 2024 xestionáronse 199 avisos, unha cifra que se reduciu de xeito importante con respecto a 2023, cando se retiraron 343, unha diminución que se conseguiu gracias á campaña de Loita contra a Vespa velutina realizada.

Desde o Concello de Poio sosteñen que a loita contra esta especie invasora é cousa de todos, e por iso é importante seguir potenciando a coordinación entre todas as administracións, sectores produtivos afectados e a sociedade no seu conxunto. Un dos eixes da nova campaña de Loita contra a Vespa velutina, realizada da man de investigadores e tamén tendo en conta os sectores produtivos afectados, como son os apicultores, é o trampeo xeolocalizado, planificado e controlado para combater con máis eficacia este insecto. Así, no caso de Poio este ano está prevista a colocación de 134 trampas, que permiten facer un seguimento e estudar a evolución cos datos recollidos.

Segundo datos facilitados pola empresa pública SEAGA, que se ocupa da retirada dos niños, desde principios de ano xa se están eliminando niños primarios (os primeiros que aparecen, nos meses de febreiro e marzo), o que evita que se formen posteriormente os niños secundarios.

OUTRAS NOTICIAS

Scroll al inicio