Natividad Torres explica que o obxecto destas subvencións é apoiar programas e actividades que promovan a igualdade e melloren a calidade de vida das mulleres de Poio e, ao mesmo tempo, fortalecer e consolidar o movemento asociativo.
O Concello de Poio outorgará axudas a asociacións de mulleres locais que desenvolvan proxectos cos que fomentar a igualdade de oportunidades e loitar contra a violencia machista. Os colectivos interesados, teñen ata o 8 de abril para presentar as súas solicitudes, tramitación que se fará exclusivamente por medios electrónicos a través do formulario que está dispoñible na sede electrónica.
Segundo explica a concelleira de Benestar e Igualdade, Natividad Torres, o obxecto destas subvencións, que contan cun investimento total de 10.000 euros, é apoiar programas e actividades que promovan a igualdade e melloren a calidade de vida das mulleres de Poio e, ao mesmo tempo, fortalecer e consolidar o movemento asociativo potenciando a participación social.
As asociacións interesadas en beneficiarse destas subvencións deberán cumprir varios requisitos, entre os que se atopan ser parte do Consello Municipal da Muller, figurar no Rexistro de Asociacións e ter colaborado nas campañas impulsadas desde o Concello de Poio con motivo do 25 de novembro ou do 8 de marzo.
Aos proxectos subvencionados concederáselle unha axuda económica de 1.000 euros, compatible con outras subvencións, axudas, ingresos ou recursos recibidos doutras entidades ou administracións. En ningún caso, o importe da subvención poderá superar o custe da actividade.
Como gastos subvencionables inclúense, entre outros, todos aqueles relacionados co funcionamento e mantemento, de difusión ou publicidade, alugueiro d espazos e equipamentos técnicos, contratación de servizos profesionais, materiais para realizar cursos e actividades, premios, ou calquera outro gasto corrente necesario para o desenvolvemento da actividade subvencionada.
O criterio de reparto farase por orde de entrada das solicitudes no rexistro electrónico do Concello de Poio, sempre que reúnan os requisitos establecidos nas bases para poder ser beneficiarias.