Ángel Moldes sinala que este distintivo “acredita o noso compromiso coa protección e a posta en valor do patrimonio natural e paisaxístico de Poio e a nosa aposta por un turismo sustentable, desestacionalizado e de calidade, pero tamén por unha contorna coidada para veciños e visitantes”.
O Concello de Poio amosa a súa satisfacción tras renovar os distintivos Bandeira Sendeiro Azul para catro sendeiros de Poio que suman un total de 18 quilómetros. Os itinerarios galardoados son a Senda do Laño, a Ruta dos Muíños de Samieira, o Sendeiro Litoral de Poio e a Variante Espiritual do Camiño Portugués.
Este distintivo, sinala o alcalde, Ángel Moldes “acredita o noso compromiso coa protección e a posta en valor do patrimonio natural e paisaxístico de Poio e a nosa aposta por un turismo sustentable, desestacionalizado e de calidade, pero tamén por unha contorna coidada para veciños e visitantes”.
Poio sitúase como un dos concellos con máis distintivos de toda España, “un atractivo para disfrutar dun patrimonio de todos”. O programa “Sendeiros Azuis”, da Asociación de Educación Ambiental y del Consumidor (ADEAC), premia e recoñece a conservación e recuperación de sendeiros e itinerarios, transformados en valiosos recursos para a interpretación e a educación ambiental, así como para o desfrute da natureza a través de actividades recreativas, deportivas e turísticas sostibles. Para obter este galardón, o Concello de Poio tivo que cumprir un conxunto de criterios e indicadores en catro categorías, avaliadas por un xurado de expertos de toda España.
A Senda do Laño percorre parte da faixa litoral da parroquia Samieira, cun itinerario de 1,2 quilómetros de baixa dificultade. O camiño comeza no peirao do Covelo e discorre polas praias de Covelo, O Caeiro e Laño. Ao final do roteiro pódense contemplar as fermosas vistas da ría de Pontevedra desde o miradoiro do Laño.
A ruta dos Muíños de Samieira ten unha lonxitude de 2,5 km e presenta un baixo grao de dificultade. Ao longo do itinerario ubícanse un total de 23 muíños na marxe río Freiría. Todo o percorrido está acondicionado para o paseo e conta con zonas de descanso con mesas e bancos.
O sendeiro Litoral de Poio realiza un percorrido circular, de case 5 quilómetros de extensión, entre o Parque da Memoria da Seca e Lourido. A senda discorre por lugares de moito interese como a Reiboa, o paseo da Ostreira, o peirao de Campelo e as praias de Lourido.
Finalmente, a Variante Espiritual do Camiño Portugués une dous itinerarios xacobeos: O Camiño Portugués e a Ruta do Mar. Comeza en Fragamoreira, na parroquia de San Xoán, e discorre por lugares emblemáticos de Poio como o Mosteiro de San Xoán ou Combarro.