Poio reúne á súa Mesa Local contra a Violencia de Xénero

25/09/2024

Abordaron de maneira conxunta temas relacionados coa atención ás vítimas e prevención da violencia machista.

A Mesa Local contra a Violencia de Xénero de Poio reuniuse esta mañá para abordar, de xeito conxunto, todos os temas relacionados coa atención ás vítimas e coa prevención da violencia machista no municipio.

A mesa estivo presidida polo alcalde, Ángel Moldes, e contou coa participación da xefa da Unidade de Violencia sobre a Muller en Pontevedra, María José Rodríguez, con representantes da EMUME e do equipo de violencia da Garda Civil, do Centro de Información á Muller de Poio e Servizos Sociais, ademais das orientadoras dos centros de ensino do municipio e das concelleiras de Benestar e Igualdade, Natividad Torres, de Seguridade Cidadá, Maritxe González, e de Cultura e Educación, Natalia Sabarís.

Durante o encontro, revisáronse as últimas cifras de denuncias, ordes de protección de vítimas e afastamento de agresores, e fíxose unha análise pormenorizada do traballo realizado polo Centro de Información á Muller de Poio, desde os trámites de solicitude de prestacións para as vítimas de violencia machista, tramitación do bono alugueiro, contratacións de vítimas polo programa de Inserción Laboral da Secretaría Xeral de Igualdade, altas no servizo de teleasistencia a vítimas así como un balanzo da atención psicolóxica e de intervención.

Todas as persoas asistentes incidiron na importancia da coordinación e da detección precoz e prevención para loitar contra a violencia machista e a súa erradicación. Ademais, Ángel Moldes amosou o seu agradecemento a todos os axentes implicados: “é fundamental optimizar a cooperación e coordinación para adaptar os recursos e procedementos ás necesidades das vítimas de Poio e seguir traballando para previr, detectar e eliminar calquera tipo de violencia contra as mulleres”.

OUTRAS NOTICIAS

Scroll al inicio