Ángel Moldes destacou que «é a nosa obriga construír un concello de todos e para todos», no que «o ben común estea sempre por riba de calquera diferenza».
O Concello de Poio celebrou esta mañá o Día de Galicia cun acto institucional na Praza de San Martiño, en San Xoán, no que se puxeron en valor “a unidade, respecto, tolerancia e orgullo de pertenza a Galicia”. A celebración serviu tamén para render homenaxe ás tres corais do municipio —Coral de Poio, Coro Virxe de Fátima de Campelo e Coro Virxe da Renda de Combarro—, en recoñecemento á súa destacada traxectoria e á súa contribución á preservación e difusión da cultura galega a través da música.
Durante a súa intervención, o alcalde de Poio, Ángel Moldes, subliñou que o 25 de xullo é unha xornada para celebrar «a nosa terra, a nosa historia, a nosa lingua e a nosa cultura», pero tamén para reflexionar sobre «o presente e o futuro que queremos construír entre todos».
Moldes definiu Galicia como «moito máis que un territorio», destacando que representa unha forma de entender a vida baseada «no traballo, na constancia, na solidariedade, no respecto ás diferenzas e na capacidade de facer comunidade». Uns valores, indicou, «que herdamos das xeracións que nos precederon e que temos a responsabilidade de conservar e transmitir».
O alcalde defendeu que a diversidade de opinións e sensibilidades «non debe afastarnos, senón enriquecernos”. Nesta liña, afirmou que “un pobo fortalécese cando somos capaces de dialogar, de escoitar e de discrepar con respecto. A tolerancia non consiste en pensar todos igual, senón en comprender que a convivencia só é posible cando recoñecemos e respectamos a quen pensa diferente».
Durante a súa intervención, incidiu en que ese mesmo espírito debe inspirar a acción das institucións públicas. «O Concello é a casa de toda a veciñanza. A súa misión é unir, servir e crear espazos de encontro, sen imposicións, porque por riba de calquera diferenza sempre estará o ben común. É a nosa obriga construír un concello de todos e para todos», asegurou, concluíndo que «cando somos capaces de camiñar xuntos, respectando as nosas diferenzas e compartindo os mesmos valores, fortalecemos o noso concello».
O alcalde tamén explicou a elección da Praza de San Martiño como escenario desta celebración institucional, destacando a aposta do Goberno local por descentralizar os actos municipais e achegalos a todas as parroquias. «Queremos que todos os barrios teñan protagonismo, porque todos sumamos e todos xuntos facemos avanzar Poio», sinalou.
No transcurso do acto realizouse tamén a tradicional entrega das bandeiras de Galicia ás entidades inscritas no Rexistro Municipal de Asociacións durante o último ano: a Asociación de Mulleres Rurais Pedra Furada de Samieira, o Club de Fútbol Veteráns de Raxó e a Asociación Cultural, Gandeira e Deportiva Os Miradores. Ademais, preto de corenta particulares recibiron tamén a bandeira galega tras solicitala previamente.
A celebración completouse coa actuación da agrupación folclórica Vides Novas e coa intervención musical de Juan Mariño, director da Escola de Acordeóns de Campelo-Poio.
RECOÑECEMENTO ÁS CORAIS DE POIO
O Concello distinguiu nesta edición do Día de Galicia ás tres formacións corais do municipio, como mostra de gratitude polo seu compromiso coa música e coa cultura galega.
Tal e como explicou a concelleira de Cultura, Natalia Sabarís, a Coral de Poio leva máis de tres décadas difundindo a música coral por Galicia e Portugal. Integrada na Federación Coral Galega (FECOGA) e dirixida por Sofía Taboada Gil, continúa promovendo a cultura galega a través dun coro de cámara que mantén intactos o entusiasmo e o compromiso dos seus inicios.
Respecto ao Coro Virxe da Renda, recordou que naceu en 1987 baixo a dirección de Miguel Ángel Martínez Chapela. Ao longo da súa traxectoria impulsou diferentes proxectos musicais e participou en numerosos certames, festivais e actos culturais, ademais de actuar na Catedral de Santiago, colaborar con TVG e TVE e gravar varios traballos discográficos. Na actualidade continúa promovendo o canto coral como ferramenta de convivencia, formación e conservación das tradicións galegas.
Pola súa banda, Sabarís destacou que o Coro Virxe de Fátima, de Campelo, tamén iniciou a súa andaina en 1987. Desde os seus comezos como coro parroquial evolucionou ata converterse nunha agrupación mixta cun amplo repertorio e unha intensa actividade artística, participando en concertos e encontros corais por toda a provincia. Dirixido desde 2009 por Mercedes Tilve Rivas, continúa mantendo vivo o espírito de compañeirismo e amor pola música que marcou a súa fundación.
Coa homenaxe ás tres corais, Natalia Sabarís recordou que o Concello de Poio quixo agradecer a dedicación de centos de persoas que, ao longo de décadas, contribuíron de forma altruísta a manter viva a música coral e a identidade cultural galega, converténdose nun exemplo de compromiso coa comunidade e co patrimonio inmaterial do municipio.