Poio recibe o luns a primeira saída do Vidoc da Policía Nacional, que permite expedir DNI e pasaporte no municipio

24/03/2025

As persoas que queiran solicitar cita poden facelo no teléfono do Concello de Poio, 986 770 001, na extensión 1202.

O Concello de Poio recibe o próximo luns, 31 de marzo, a oficina móbil de documentación da Policía Nacional, que permitirá á cidadanía obter ou renovar tanto o DNI como o pasaporte de forma cómoda, rápida e con maior accesibilidade. Será a primeira saída que realice o Vehículo Integral de Documentación da Policía Nacional (VIDOC) na provincia, e nesta ocasión se instalará en San Salvador, concretamente na contorna do parque Rosalía de Castro.

Nesta furgoneta, e sempre con cita previa que se poderán solicitar na Alcaldía do Concello de Poio, o cidadán poderá obter ou renovar o seu DNI e pasaporte en menos de quince minutos e en un só trámite, sen necesidade de acudir a unha oficina física. Unha xestión que permitirá maior comodidade á veciñanza de Poio e incluso doutros concellos limítrofes, porque evitará desprazamentos innecesarios, pero tamén aforrará tempo e recursos na xestión e ofrecerá maior accesibilidade. As primeiras saídas serán en San Salvador, e posteriormente establecerase en diferentes lugares do termo municipal.

As citas xa se poden solicitar no teléfono 986 770 001, extensión 1202. Nestas primeiras saídas, e mentres está en probas, a oficina móbil atenderá durante a mañá un total de 25 persoas, entre as 9.00 e as 13.45 horas, cifra que se irá ampliando no futuro. Ademais, polo momento, o pago deberase facer en efectivo, pendentes da posta en funcionamento da TPV.

DOCUMENTACIÓN

Para expedir o DNI por primeira vez, o solicitante deberá acompañar unha fotografía recente en color sobre fondo branco, partida de nacemento literal na que se expide aos efectos de obtención do DNI, volante de empadroamento e, no caso de menores de 14 anos ou persoas con discapacidade, deberán estar acompañados por un dos pais ou titores con dni en vigor. No caso de renovación do carné, deberán levar unha fotografía, o dni a renovar e para cambio de datos do domicilio, volante de empadroamento, e para persoais, partida de nacemento literal. A taxa son 12 euros, gratuíto para as familias numerosas que acrediten a condición co título ou carné individual do solicitante.

Na expedición de pasaporte, deben acompañar DNI en vigor e unha fotografía recente en cor sobre fondo branco. Para os menores, deberán acreditar tamén a relación de parentesco ou condición de titor mediante a presentación de documento oficial, como por exemplo, o libro de familia ou partida de nacemento. A taxa son 30 euros, gratuíto no caso de familia numerosa.

OUTRAS NOTICIAS

Scroll al inicio