Poio programa oito cursos gratuítos de alfabetización e competencias dixitais transversais na Reiboa

23/05/2024

Desenvolveranse entre xuño e novembro, cun máximo de quince persoas por cada edición.

O Concello de Poio pon en marcha oito novos cursos gratuítos de alfabetización e competencias dixitais transversais, que buscan facilitar os coñecementos básicos para que máis de cen persoas poidan realizar comunicacións e transaccións seguras en liña, utilizando os seus propios dispositivos electrónicos e familiarizándose con novas oportunidades de formación e aprendizaxe.

Trátase dun programa de 30 horas de duración, que se imparte na modalidade presencial na aula de informática situada na Reiboa. Hai oito edicións diferentes, que se desenvolverán entre xuño e novembro, cun máximo de quince persoas por sesión. Os dous primeiros cursos impartiranse entre o 10 e o 17 de xuño; o terceiro, do 23 de setembro ao 2 de outubro; o cuarto e quinto, do 14 ao 23 de outubro; o sexto e sétimo, do 4 ao 13 de novembro; e a última edición será do 18 ao 27 de novembro.

Entre os contidos de cada curso inclúense módulos de tecnoloxías habilitadoras dixitais (2 horas), información e alfabetización dixital (6 horas), comunicación e colaboración online (6 horas), creación de contidos dixitais (6 horas), seguridade na rede (6 horas) e resolución de problemas (6 horas).

As persoas interesadas xa se poden anotar para calquera dos oito cursos nun formulario que atoparán na páxina web poiodixitaliza.es ou solicitar información no teléfono 604 039 575.

Ao finalizar a capacitación, para aqueles alumnos que superen o 80% da actividade porase á súa disposición un servizo de acompañamento para acreditar as competencias. Este proceso de asesoramento adaptarase ás necesidades individuais de cada persoa, e incluirá unha entrevista persoal, información sobre procedementos e requisitos que deben cumprir, recompilación de documentación e asistencia ata completar o proceso.

OUTRAS NOTICIAS

Scroll al inicio