Ángel Moldes e o deputado provincial Javier Tourís presentaron a programación que inclúen inchables, obradoiros infantís, talleres para maiores e música.
Poio prepárase para vivir unha xornada familiar o próximo sábado, 27 de setembro, a partir das 16.30 horas en Ánkar, San Salvador. A través do programa +Convivir, da Deputación de Pontevedra, este espazo converterase nun punto de encontro con numerosas actividades, xogos e charlas para nenos e maiores. Así o presentaron esta mañá o alcalde Ángel Moldes e o deputado provincial Javier Tourís, que convidaron ás familias a participar nesta actividade.
En Poio a xornada incluirá un obradoiro sobre o alzheimer a cargo de ANFAPO, un curso de primeiros auxilios da man de Manuel Viso, unha actividade de zumba con Alberto Canosa e rematará cunha merenda dinamizada cun DJ. Ademais, a programación inclúe varios inchables para todas as idades, obradoiros de chapas, globoflexia, pintacaras e tatuaxes, cunha ampla variedade de propostas especialmente dirixidas ao público infantil e familiar.
O alcalde Ángel Moldes destacou que “o próximo 26 de setembro celebraremos no Parque de Ánkar, a partir das 16.30 horas, un acto pensado para todas as familias, desde os máis pequenos, con inchables e obradoiros, ata as persoas maiores, con charlas sobre cuestións como o alzhéimer ou a importancia dunha boa alimentación”.
O rexedor salientou especialmente o carácter interxeracional da iniciativa e o seu obxectivo de crear un espazo de encontro: “Sobre todo, queremos pasar unha tarde de convivencia, con moita actividade e moita vida no noso concello. Somos un concello cunha poboación moi nova e, ao mesmo tempo, cunha poboación maior moi activa”.
Así mesmo, agradeceu “a implicación tanto do deputado Javier Tourís como da propia Deputación de Pontevedra por pensar en Poio para un evento destas características” e convidou “a todas as familias e tamén aos concellos limítrofes a que veñan o día 26 a Poio e desfruten dunha tarde diferente, tanto cos máis pequenos como cos maiores”.
Por último, recordou que desde a remodelación integral do parque de Ánkar, con novos elementos de xogo e mesmo unha réplica do barco de Cristóbal Colón, este lugar convértese nun verdadeiro punto de encontro e de xogos para as familias de dentro e fóra do concello.