A Ameixa de Campelo fai historia na súa estrea como festa de interese turístico, con preto de 800 kg vendidos

21/09/2026

Ángel Moldes: “Estamos moi satisfeitos cunha edición sobresaínte da festa, tanto pola organización como pola participación de veciños e visitantes, pola programación ofrecida e, por suposto, pola extraordinaria calidade do produto”.

A Festa da Ameixa que se celebrou en Campelo, Poio, durante toda a fin de semana, rexistrou cifras récord de consumo nunha edición que fixo historia pola elevada participación e por ser a primeira que se organiza coa distinción de Festa de Interese Turístico de Galicia. Desde o Concello apostouse, ademais, por dar un salto de calidade na organización e na programación da cita, reforzando o seu atractivo e proxección sen perder a esencia dunha festa profundamente ligada á tradición mariñeira e marisqueira de Campelo e de Poio.

O alcalde de Poio, Ángel Moldes, puxo en valor hoxe o resultado da celebración. “Estamos moi satisfeitos cunha edición sobresaínte da festa, tanto pola organización como pola participación de veciños e visitantes, pola programación ofrecida e, por suposto, pola extraordinaria calidade da ameixa de Campelo”, destacou.

O rexedor destacou tamén a importancia que ten esta celebración para a promoción do municipio. “A Festa da Ameixa transmite os valores da cultura mariñeira e marisqueira de Campelo e representa unha enorme oportunidade para Poio, tanto pola súa contribución á desestacionalización e á sostibilidade turística como pola posta en valor dos nosos produtos e da nosa xente do mar. Esta edición demostrou, unha vez máis, que a distinción de Festa de Interese Turístico de Galicia está máis que xustificada”, afirmou.

As cifras de consumo confirman a excelente resposta desta edición, que se converteu na de maior volume de vendas desde que existen rexistros informáticos, hai 22 anos. Só durante as xornadas do venres e do sábado vendéronse 3.114 vales, superando xa os 3.000 contabilizados durante toda a Festa da Ameixa de 2024. Desde o venres e ata hoxe, vendéronse preto de 5.000 racións de comida e bebida, moi por riba dos 3.500 rexistrados no conxunto da edición de 2025. A estas cifras súmase o consumo de preto de 800 quilos de ameixa, 200 máis dos previstos inicialmente pola organización, que partía dunha estimación de 600 quilos.

As ameixas á mariñeira volveron ser, durante toda a fin de semana, a opción preferida polos asistentes, seguida das ameixas con fideos e con arroz. Grandes e pequenos gozaron da gastronomía pero tamén dunha ampla e variada programación lúdica que espertou gran interese e participación.

OUTRAS NOTICIAS

Scroll al inicio