Poio acadou un fito histórico na calidade do seu litoral ao conseguir, por primeira vez, tres Bandeiras Azuis nas súas praias. Ademais das xa distinguidas praias de Cabeceira e Siorto, este ano incorpórase ao recoñecemento a praia do Laño, situada en Samieira.
Este distintivo internacional avala a calidade das augas, a seguridade, a accesibilidade e a correcta xestión ambiental dos areais, converténdose nun símbolo de excelencia turística e ambiental.
O alcalde de Poio, Ángel Moldes, destacou a importancia deste logro para o municipio: “É un orgullo presumir dunha nova praia no noso concello con Bandeira Azul. Cando chegamos ao Concello, había unha única praia con este distintivo, a de Cabeceira. Ao ano seguinte recuperamos Siorto, en Raxó, e agora considerabamos que era de xustiza presentar esta candidatura. E na primeira vez que se presenta xa conseguimos un distintivo que é sinónimo de calidade e excelencia”.
Moldes subliñou tamén o compromiso do goberno local coa mellora continua do litoral poiense: “Seguimos traballando para poñer en valor o noso litoral e facelo cada vez mellor para todos e todas”.
Con este novo recoñecemento, Poio consolídase como un destino de referencia nas Rías Baixas, reforzando a súa aposta pola sustentabilidade, a conservación ambiental e a calidade dos seus espazos naturais.