Poio impulsa o contrato para celebrar as ludotecas de verán na Seca, Raxó e Viñas

14/02/2024

Estes espazos favorecerán a conciliación das familias do municipio entre o 1 de xullo ata a véspera do inicio do curso escolar.

O Concello de Poio impulsa o contrato para celebrar as ludotecas de verán municipais coa aprobación dos pregos que deberán rexer o concurso público. As empresas que aspiren a organizar estas actividades poden presentar os seus proxectos ata o xoves 29 de febreiro.

O Goberno local aposta este ano por organizar unha ludoteca única, o Espazo Concilia, e que se desenvolverá en tres localizacións diferentes: nos colexios da Seca, Raxó e Viñas. O obxectivo deste servizo é desenvolver un tempo libre educativo positivo, favorecer a educación en valores, a participación e socialización, ao tempo que se favorece a conciliación familiar, polo que se porán a disposición da veciñanza un total de 620 prazas.

O contrato ten un valor de 77.110 euros, e desenvolverase entre o 1 de xullo e a véspera do inicio do curso escolar. De feito, esta é outra das novidades das ludotecas deste verán xa que, en edicións anteriores, as actividades que se organizaban en Raxó e A Seca concluían o 31 de agosto. Nos tres espazos contará cun horario flexible de entrada e de saída de 7.30 a 15.00 horas de luns a venres.

Desde a concellería de Cultura e Educación, Natalia Sabarís, destaca “a importancia de ofrecer á cidadanía un servizo que facilite a compatibilidade de horarios das familias e tempo de lecer para os máis pequenos, cunha proposta única, que ofreza as mesmas condicións e actividades independentemente de si se organiza en Raxó, Viñas ou na Seca”. Unha vez adxudicado o servizo, darase a coñecer toda a información relacionada coas bases, número de prazas dispoñibles en cada espazo e os períodos de reserva e inscrición.

OUTRAS NOTICIAS

Scroll al inicio