Poio explica na Comisión Mixta de Tambo os plans de mantemento e desbroce que vai realizar de xeito inminente na illa

14/02/2025

Esta semana celebrouse a sexta reunión para o seguimento da cesión demanial, na que se abordaron outras cuestións como o plan de emerxencias, o ENIL e o Plan de Usos.

O alcalde de Poio, Ángel Moldes, participou esta semana na sexta Comisión Mixta para o seguimento da cesión demanial da Illa de Tambo, xunto co comandante director Pedro Cardona e outros responsables da Escola Naval Militar de Marín e técnicos municipais.

Na reunión, celebrada na Escola Naval, Moldes deu conta de todas as actividades desenvoltas durante este ano e as que están previstas de cara os próximos meses, que continúan apostando por poñer en valor e preservar “un dos tesouros do noso municipio”. Neste senso, anunciou que o Concello de Poio vai executar de xeito inminente un plan de mantemento das zonas e sendas de tránsito na illa, así como a revisión dos eucaliptos con risco de caída e traballos de desbroce, unha posta a punto para garantir a seguridade na illa que se intensifica nos meses de primavera, xa que é a época adecuada e recomendada para facelo.

Ademais, Moldes tamén explicou que neste momento está aberto o período de alegacións ao Plan de Emerxencias da Illa, un documento que xa foi aprobado inicialmente en pleno e que, tendo en conta os tempos, os técnicos confían en que estea aprobado definitivamente antes de Semana Santa, coincidindo co inicio do período de visitas da illa. De feito, na última sesión da Mesa de Turismo de Poio, un representantes dos guías turísticos profesionais incidiu sobre a necesidade de dispoñer dun protocolo de actuación e un plan para actuar na illa en caso de emerxencia.

Con respecto aos avances do Plan de Usos e ENIL, sinalou que neste momento os técnicos están analizando as aportacións que os membros da Comisión de Seguimento de Tambo fixeron ao documento unificado dos dous proxectos, que priorizan o máximo respecto á natureza, conservación, protección e historia da illa. Con todo, volveu a insistir que o único obxectivo do Concello de Poio e converter a Tambo nun referente medio ambiental, turístico e patrimonial absolutamente respectuoso coa contorna.

OUTRAS NOTICIAS

Scroll al inicio