POIO ESIXE Á XUNTA, MEDIANTE ACORDO PLENARIO, MEDIDAS URXENTES PARA GARANTIR A ATENCIÓN SANITARIA PÚBLICA EN POIO

12/01/2024

2023.

A Corporación municipal vén de aprobar no último Pleno ordinario de xaneiro unha moción conxunta, elaborada por todos os grupos políticos con representación no órgano (BNG, PSdeG-PSOE, Avante Poio e Partido Popular), a través da cal instan á Xunta de Galicia a que adopte medidas urxentes “para garantir a atención sanitaria pública en Poio”. Ademais, o texto tamén incide na necesidade de que o Goberno autonómico afronte a necesidade de reforzar a cobertura de prazas vacantes e prestar unha atención sanitaria pública “digna”, tanto no propio concello como na área sanitaria Pontevedra – O Salnés.

A concelleira de Sanidade, Marga Caldas (BNG), lembra que a situación actual en Poio “é insostible, con listas de agarda interminables e cunha das maiores saturacións dos e das profesionais de toda Galicia nos nosos centros de saúde”. Ante esta situación, Caldas fai referencia tamén ao punto da moción no que se anima á cidadanía a participar na gran mobilización convocada para o domingo 12 de febreiro en Santiago, co obxectivo de salvar a Atención Primaria e o Sistema Sanitario Público Galego, que “está en risco de desmantelamento”.

Neste sentido, a  concelleira do Goberno municipal recorda que o Concello porá a disposición da veciñanza autobuses gratuítos para tomar parte na manifestación. A saída está prevista o propio día 12, ás 10.30 horas, na Seca (San Xoán). As inscricións seguen abertas e poden realizarse no Consistorio, chamando ao 986770001 ou enviando un whatsapp ao teléfono  604047450, en horario de 9.00 a 14.00 horas. Tamén é posible anotarse na Aula de Lectura do Centro Cultural Xaime Illa de Raxó. Este pasado mércores, Marga Caldas participou nunha charla celebrada no Casal de Ferreirós, que tivo como protagonista a Manuel Martín, voceiro da Plataforma SOS Sanidade Pública, na que explicou os pormenores desta campaña reivindicativa e a situación na que se atopa este servizo na actualidade.

OUTRAS NOTICIAS

Scroll al inicio