O Goberno local fixo esta mañá balance tras dous anos de mandato. Sosteñen que a estabilidade, planificación e dinamismo social e económico que están promovendo fan que Poio “estea hoxe no seu mellor momento”, sendo un lugar atractivo para vivir, para emprender e para investir.
13, xuño, 25.- O Goberno local fixo esta mañá balance de dous anos de Goberno afirmando que Poio está consolidando a súa transformación, e fixo referencia a que só para 2025 o Goberno conseguiu 12M€ de investimentos doutras administracións para proxectos estratéxicos. Unha cifra próxima ao orzamento anual do Concello de Poio (14M€) e que segundo expuxo o alcalde, Ángel Moldes, demostra capacidade de xestión, negociación e planificación.
Por iso, sinalou que cando aseguran que Poio está hoxe no seu mellor momento, o din porque así o avalan os datos e os feitos, e fixo un repaso por algúns dos proxectos que están previstos este ano, como por exemplo a transformación da Barca, a humanización de Campelo á Seara, a senda entre Chacelas e Combarro, a mellora entre Casalvito e O Padrón, os parques infantís en Ánkar e Costa Xiráldez, a pista multideportiva en Vilariño, melloras nas instalacións deportivas, investimentos no saneamento, impulso ao polígono industrial de Fragamoreira, mellora de camiños municipais en todas as parroquias cumprindo compromisos históricos, desbloquear o contrato da auga que vai permitir 15M€ en investimentos na rede de servizos de saneamento e abastecemento de auga ou creación de 1.000 prazas de aparcamento en varias zonas do municipio, incluído o centro de Combarro. A maiores, tamén recordou a posta en marcha de servizos importantes como a primeira Unidade de Atención Temperá para menores de 6 anos, que xa se está redactando o proxecto para crear o primeiro Centro de Día de Poio ou, a nivel económico, a baixada de impostos, incluído o recibo do IBI do 0,47 ao 0,43.
Neste senso, indicou que están cumprindo cos seus compromisos de Goberno e relacionou o éxito desta xestión co traballo transversal de todo o equipo, un Goberno que traballa a pé de rúa, escoitando ás persoas e ofrecendo solucións. Unha xestión que, engadiu, demostra que si había outro xeito de facer as cousas, con maior responsabilidade e eficiencia. Ademais, sostivo que a estabilidade, planificación e dinamismo social e económico que están promovendo fan que Poio estea hoxe no seu mellor momento, sendo un lugar atractivo para vivir, para emprender e para investir. Así, fixo tamén referencia a todas esas iniciativas privadas que están amosando un interese claro por investir en Poio e que supoñen crecemento económico e creación de emprego, como por exemplo o supermercado Lidl.
Con respecto a isto, valorou que Poio sexa a día de hoxe o concello da comarca que máis medra, despois da cidade de Pontevedra, e puxo en valor que son un referente xa na organización de eventos de primeiro nivel que contribúen a dinamizar social e economicamente o municipio, e como exemplo puxo a saída histórica de La Vuelta a España desde Poio.
Con todo, recoñeceu que o mellor para Poio está por chegar, porque están a medio camiño, nesta metade de mandato, cara unha transformación que xa é visible e se percibe, e que fan deste un concello con máis futuro, con máis oportunidades, con máis vida.