POIO CONSEGUE O GALARDÓN SENDEIROS AZUIS PARA AS RUTAS DO LAÑO E DOS MUÍÑOS DE SAMIEIRA

14/01/2024

2023.

“É un recoñecemento á aposta do Goberno local para mellorar, coidar e poñer en valor o patrimonio natural e paisaxístico de Poio”, sinala o alcalde Ángel Moldes tras confirmarse que consegue o galardón Sendeiros Azuis para as rutas do Laño e dos Muíños de Samieira. Para 2024, é o único concello da provincia que suma dous novos sendeiros azuis  e convértese nun dos catro con máis distincións.

Nesta liña, subliña que é un valor engadido “para seguir desestacionalizando o turismo e atraer visitantes durante todo o ano. Cada vez hai máis persoas que apostan polo turismo verde e nós somos un concello moi afortunado, temos moitos recursos e atractivos que ofrecer e, por iso, debemos aproveitar todo o potencial que temos”. 

O programa Sendeiros Azuis premia e recoñece a conservación e recuperación de sendeiros e itinerarios, transformados en valiosos recursos para a interpretación e educación ambiental, así como para o disfrute da natureza a través de actividades sostibles. Para obter este galardón, o Concello de Poio cumpriu un conxunto de criterios e indicadores, sobre as características das sendas, a información, as infraestruturas, a conservación e o seu uso público. 

Deste xeito, Poio duplica para este ano os sendeiros con este recoñecemento no municipio, xa que tamén se renovan as distincións para o litoral de Poio e a Variante Espiritual do Camiño Portugués. 

A ruta dos Muíños de Samieira ten unha distancia de 5,5km (ida e volta), cunha dificultade baixa. Este itinerario percorre un total de 23 muíños ao longo do río Freiría. Todo o percorrido está acondicionado para o paseo, e conta con zonas preparadas para o descanso. Moi preto a esta ruta atópase a Senda do Laño. Iníciase no muelle de Covelo, tamén en Samieira, e ten unha distancia de 1,2 km. Esta senda percorre parte da costa de Samieira, pasando por pequenas calas e zonas de robledal. O percorrido é de baixa dificultade e ao final da ruta pódese contemplar as vistas da ría desde o miradoiro de Laño. 

OUTRAS NOTICIAS

Scroll al inicio