POIO BUSCA IMPLICAR AO TECIDO ASOCIATIVO NA ESTRATEXIA TURÍSTICA 

14/01/2024

2023.

As concelleiras de Turismo, Rocío Cochón, e Cultura, Natalia Sabarís, reuníronse nos últimos días con representantes de colectivos veciñais e culturais do municipio para designar as persoas que formarán parte da mesa de turismo en representación do tecido asociativo de Poio.

No transcurso da reunión, Cochón destacou a importancia de contar coa perspectiva das asociacións para deseñar unha estratexia turística eficaz, e subliñou a utilidade unha ferramenta como a Mesa do Turismo para eescoitar todo o que ten que dicir a veciñanza en relación á actividade turística. Ademais, recalcou as bondades da colaboración entre administración, asociacións e sector turístico para “poñer en valor o que nos fai únicos e consolidar un destino sustentable e de calidade para todos”.

Cochón e Sabarís destacaron tamén as posibilidades do turismo cultural para Poio, ao ser esta unha modalidade turística cun gran potencial para a desestacionalización e a internacionalización: “Temos tesouros culturais e históricas que atraen a visitantes de toto o mundo e todos os días do ano, como o Casco Histórico de Combarro ou o Mosteiro de San Xoán, así como auténticas xoias por descubrir, como é todo o patrimonio coloniano, incluída a Casa Museo en Portosanto; pero tamén espazos como a Illa de Tambo, onde é importante dar a coñecela ao mundo, con todo o que agacha, pero máis importante aínda é protexela e preservar todos os seus valores naturais e culturais”.

As edís referíronse tamén ás variantes do Camiño de Santiago que atravesan Poio, de gran crecemento nos últimos anos e cunha presenza moi importante de peregrinos estranxeiros, así como o enorme patrimonio inmaterial, con manifestacións culturais, eventos e festas únicas. Todo isto sería imposible sen os colectivos veciñais e culturais. Por iso, recalcaron que desde o goberno local vaise seguir apoiando a estes colectivos, porque sen eles Poio non sería o que é e moito menos podería acadar todo o seu potencial.

Ao remate da reunión, os colectivos presentes elixiron aos representantes na Mesa de Turismo, que serán, en representación das asociacións culturais, o Ateneo Corredoira e a ACD Samieira, de forma rotatoria. Pola súa banda, as asociacións veciñais estarán representadas pola AAVV Lourido e pola AAVV Ronsel. Cómpre recordar que cada sector presente na Mesa de Turismo pode elixir un vogal titular e un suplente para que o represente con voz e voto nas sesións deste órgano, se ben calquera colectivo ou persoa interesada poderá asistir ás reunións da Mesa, xa que son abertas.

A Mesa de Turismo creouse no pleno municipal de novembro como un órgano consultivo experto que reunirá a representantes de todos os ámbitos da actividade turística para estudar e afrontar xuntos os desafíos do sector. Presidida polo alcalde, incluirá alomenos 25 vogais en representación de empresas, administracións, colectivos, veciñanza e todos os axentes relacionados coa actividade turística.

OUTRAS NOTICIAS

Scroll al inicio