Poio aprobará o primeiro plan de igualdade e protocolo de prevención e actuación fronte acoso laboral para o persoal do concello

25/11/2024

Inclúe seis áreas de actuación, con un total de 45 medidas, que inclúen desde o compromiso coa igualdade, comunicación e sensibilización, ata acceso ao emprego público e promoción, formación, igualdade retributiva, conciliación e corresponsabilidade, saúde laboral, acoso sexual e violencia de xénero.

O Concello de Poio contará co primeiro plan de igualdade para o persoal municipal e cun protocolo de prevención e actuación fronte ao acoso laboral, por razón de sexo ou outras condutas contrarias á liberdade sexual. Os dous documentos, que xa foron ditaminados pola Comisión informativa de Facenda, Gobernación e Contas, aprobaranse no pleno ordinario do mes de novembro, que se celebra mañá martes.

Este primeiro plan de igualdade alcanza a todo o persoal municipal, independentemente de que sexan fixos, temporais, a tempo completo ou parcial, e busca continuar avanzando na consecución da igualdade real e efectiva das traballadoras e traballadores, entendendo que é un dos piares fundamentais na acción de goberno. Inclúe seis áreas de actuación, con un total de 45 medidas, que inclúen desde o compromiso coa igualdade, comunicación e sensibilización, ata acceso ao emprego público e promoción, formación, igualdade retributiva, conciliación e corresponsabilidade, saúde laboral, acoso sexual e violencia de xénero.

O alcalde, Ángel Moldes, explica que tanto a diagnose como este primeiro plan xorden dun proceso participativo no que se traballou coas persoas traballadoras para recoller as percepcións de todo o cadro de persoal municipal, as súas visións, suxestións, necesidades e problemáticas. Estas achegas definiron as prioridades e a optimización dos recursos, os obxectivos que se perseguen e a planificación das medidas a desenvolver nos próximos catro anos. Ademais, o documento inclúe tamén un cronograma de actuación, indicadores de avaliación e persoas responsables da súa execución.

Xunto co primeiro plan de igualdade interno, mañá tamén se aprobará o protocolo de prevención e actuación fronte ao acoso laboral, o acoso por razón de sexo e outras condutas contrarias á liberdade sexual e á integridade moral no ámbito laboral. Un protocolo que describe a metodoloxía e procedemento de actuación para erradicar este tipo de comportamentos, entre os que se inclúe acoso psicolóxico, moral, sexual, por razón de sexo, violencia dixital… ante os que haberá tolerancia cero.

OUTRAS NOTICIAS

Scroll al inicio