Os propietarios teñen dous meses para solicitar as axudas para conservación e mellora de edificios na ARI de Combarro

07/02/2025

Esta liña de fondos conta cun investimento total de 120.000 euros para cubrir gastos da execución de obras ou traballos de intervención, instalacións fixas, equipamento… A contía máxima non poderá exceder do 50% do custo subvencionable da actuación, ata un máximo de 25.000 euros por cada vivenda obxecto de rehabilitación.

O Concello de Poio abre o prazo para solicitar subvencións para a conservación e mellora de edificios e vivendas na Área de Rehabilitación Integral (ARI) de Combarro.

Unha liña de fondos do Goberno central e da Xunta de Galicia, que ascende a 120.000 euros, e que poden destinarse para cubrir parte dos gastos da execución de obras ou traballos de mantemento e intervención en edificios e vivendas, instalacións fixas, equipamento propio e elementos comúns, co fin de os adecuar á normativa vixente e sempre dentro do ámbito da área de rehabilitación.

A contía máxima das axudas determinarase atendendo ao orzamento protexible da actuación e non poderá exceder do 50% do custo subvencionable da actuación, ata un máximo de 25.000 euros por cada vivenda obxecto de rehabilitación. Nas vivendas nas que os ingresos da unidade de convivencia residente sexan inferiores a 3 veces o IPREM a porcentaxe máxima da axuda sobre o investimento poderá chegar ao 85%. Para as obras de mellora da accesibilidade en vivendas con residentes discapacitados ou maiores de 65 anos, será posible acadar unha axuda do 85% do custo da actuación.

A convocatoria destas subvencións publicouse hoxe no Boletín Oficial da Provincia, e as persoas interesadas poden presentar as súas solicitudes durante os próximos dous meses. O Concello, a través da Oficina da Área de Rehabilitación, facilitará a asistencia técnica e o asesoramento preciso ao solicitante das axudas, para a definición previa das obras que desexe acometer nas vivendas.

Na páxina web do Concello de Poio existe un espazo específico sobre o ARI, no que é posible descargar documentación e resolver dúbidas. Así mesmo, tamén é posible solicitar asesoramento chamando ao número de teléfono 986770001 (extensión 1241) ou enviando un correo electrónico á dirección ari_combarro@concellopoio.gal.

OUTRAS NOTICIAS

Scroll al inicio