O alcalde, Ángel Moldes, visitou o CEIP de Viñas, onde se está desenvolvendo a actividade durante o mes de setembro. Destaca que Poio é un dos concellos da contorna onde conciliar é máis accesible, tanto polo amplo horario como polo baixo custe do servizo.
Os Espazos Concilia do Concello de Poio despídense ata o próximo verán. Hoxe é o último día deste servizo, que desde xullo supuxo unha das principais ferramentas municipais para facilitar a conciliación da vida familiar e laboral durante as vacacións escolares.
O alcalde, Ángel Moldes, acompañado das concelleiras de Benestar e Igualdade, Natividad Torres, e de Cultura e Educación, Natalia Sabarís, visitou o CEIP de Viñas, en San Salvador, para despedir a rapazada. Durante os meses de xullo e agosto, o programa desenvolveuse tamén nos colexios de Espedregada, en Raxó, e Isidora Riestra, en San Xoán, ofrecendo en total máis de 1.000 prazas entre xullo e setembro.
Durante este tempo, a rapazada participou en excursións tanto pola contorna de Poio como a outros concellos limítrofes e gozou de actividades como manualidades, xogos deportivos, actividades medioambientais, xogos de auga… entre outras propostas.
O alcalde, Ángel Moldes, salientou que “o noso obxectivo era ofrecer aos nenos e nenas un verán divertido, con moitas actividades, para gozar ao máximo do xogo e, ademais, socializar con outros menores”. Así mesmo, asegurou que as necesidades das familias “están no centro da nosa acción de goberno. Poio é un dos concellos da contorna onde conciliar resulta máis accesible, tanto polo horario como polo custo do servizo”, engadiu.
O programa Concilia funcionou durante todo o verán cun horario amplo e flexible, entre as 7.30 e as 15.00 horas, o que permite unha compatibilidade real cos horarios laborais das nais e dos pais. O custo do servizo mantívose nun prezo moi accesible para as familias, de tan só 20 euros por quincena e neno, unha tarifa reducida coa que o Concello de Poio busca facilitar que a conciliación durante as vacacións escolares estea ao alcance de todos os fogares.