Unanimidade para aprobar o convenio coa Deputación de Pontevedra para rematar as obras de conservación da Casa de Combarro. Ángel Moldes puxo en valor a xestión económica do Goberno local, que permitiu reducir débeda, baixar impostos, garantir a calidade na prestación de servizos e executar investimentos históricos no municipio.
27, maio, 2026.- O pleno de Poio deu luz verde ao convenio con Augas de Galicia para investir 4M€ na optimización do saneamento. Foi na sesión ordinaria do mes de maio que se celebrou onte, no que o alcalde Ángel Moldes destacou que a prioridade do Goberno é investir en saneamento para coidar o medio ambiente e para protexer dous dos sectores máis importantes do municipio, como son o turismo e o mar. “Este investimento, xunto co tanque de tormentas que se está construíndo na Seca e o novo contrato da auga que está en fase de adxudicación, son fundamentais para que Poio continúe medrando, para desbloquear proxectos importantes e conseguir que o cen por cento dos fogares de Poio dispoñan deste servizo básico. Os investimentos en saneamento son moi importantes, por iso este Goberno fará un esforzo económico para poder levalos a cabo”, sinalou.
O convenio de colaboración contempla construír un depósito de retención na zona de Saíñas e renovar o bombeo da Barca, así como dous aliviadoiros de seguridade, co obxectivo de optimizar o saneamento do municipio e seguir mellorando a calidade das augas da ría. A infraestrutura estará totalmente soterrada, o que permitirá unha mellor integración na parcela e recuperar o seu uso como espazo verde. O investimento total das actuacións ascende a 4.020.472,09 euros, dos que Augas de Galicia achegará o 80 %, a través de fondos FEDER, mentres que o Concello de Poio asumirá o 20 % restante.
Tamén houbo unanimidade do pleno para aprobar o convenio coa Deputación de Pontevedra para rematar as obras de conservación da Casa de Combarro. A concelleira Rocío Cochón explicou que o desenvolvemento das obras dun inmoble protexido non é comparable ao dunha edificación convencional, xa que hai que ter en conta importante condicionantes de acceso, limitacións operativas e necesidade de execución por oficios especializados. Ademais, durante o desenvolvemento das obras xurdiron circunstancias sobrevenidas, como a detección de materiais con amianto, afeccións derivadas das condicións meteorolóxicas adversas… que esixiron a redacción de proxectos modificados e a correspondente tramitación administrativa. Rocío Cochón asegurou que o obxectivo é garantir a conservación do inmoble e facelo atendendo a todas as necesidades, priorizando sempre a calidade e prudencia de todas as actuacións.
Durante o pleno aprobouse tamén unha operación de crédito de 480.000 euros como alternativa para “sortear” as limitacións que establece o Goberno central ao uso dos remanentes municipais e poder executar investimentos e melloras nos proxectos da avenida da Barca, en Casalvito e Vilariño. Moldes puxo en valor a xestión económica do Goberno local, que permitiu reducir a débeda de 8 a 4M€, baixar impostos, garantir a calidade na prestación de servizos e executar investimentos históricos no municipio. “Poio avanza, estamos facendo realidade proxectos transformadores para Poio”, engadiu. Ademais, informou que o Concello de Poio ten no banco 4M€ en liquidez, “pero mentres o Goberno central non aprobe os orzamentos, están paralizados”.
Outros dos puntos da orde do día incluíron o cambio de dous nomes de rúas. A primeira delas, a petición a veciñanza e colectivos de Combarro, é modificar o nome da Praza da Fonte por Praza de Camila Villar Pérez, en recoñecemento ao legado desta veciña con moita vinculación a este lugar e á súa xente. Ademais, tamén se aprobou o nome do tramo da actual PO-309 que comprende desde a rotonda de Lourido ata a saída á AP-9 do lugar de Portosanto, que pasará a denominarse Avenida da Valada.
Por último, en relación a propostas presentadas polos grupos da oposición sobre o transporte rural en Poio, o Goberno local rexeitou a urxencia dun asunto “que non consideraron prioritario durante décadas” e convidaron a presentalo en comisión informativa. O Goberno local lembrou que o Concello xa reservou nos orzamentos deste ano unha partida de 30.000 euros para este servizo e que está ultimando o deseño das rutas. O obxectivo é asinar proximamente un convenio coa Xunta de Galicia que permita implantar o transporte polas parroquias a través do Servizo de Interese Municipal (SIMU), co propósito de que entre en funcionamento no último cuadrimestre do ano.